As adegas de Vilachá de Salvadur, un monumento de orixe incerta

Francisco Albo
francisco Albo MONFORTE / LA VOZ

MONTEDERRAMO

ALBERTO LÓPEZ

Os datos históricos coñecidos non indican cando se construíu o conxunto

01 may 2012 . Actualizado a las 07:00 h.

O célebre conxunto de adegas que serve de escenario á Feira do Viño de Vilachá de Salvadur, na Pobra do Brollón, destaca como un dos principais exemplos de arquitectura vitícola histórica da Ribeira Sacra. A pesar da súa importancia, a historia destas construcións está moi pouco estudada e hoxe aínda non é posible datar con certeza as súas orixes.

Desde hai bastante tempo suponse que as adegas puideron pertencer en tempos ao mosteiro ourensán de Montederramo, pero non é fácil demostralo con probas documentais. En todo caso, pódese afirmar que estas construcións -tal como se conservan actualmente- non datan da Idade Media. «Poden ter douscentos ou trescentos anos de antigüidade, algunhas poderían remontarse quizá aos séculos XVII ou XVI, pero non moito máis, porque a súa arquitectura claramente non é medieval», apunta a este respecto o arqueólogo Xurxo Ayán, que o domingo exercerá de pregoeiro oficial da feira. «Ademais, indican unha produción a grande escala e orientada ao mercado que é máis propia da Idade Moderna que da Idade Media», engade.

Vestixios arqueolóxicos

Non obstante, Ayán tamén considera posible que as construcións actuais fosen levantadas sobre outras máis antigas que si poderían ser de orixe medieval. Pero para confirmar este punto sería necesario contar con restos arqueolóxicos que ata momento ninguén descubriu.

Para encontrar datos máis seguros sobre as orixes deste singular conxunto arquitectónico, en opinión do investigador, habería que examinar en detalle os fondos arquivísticos dos grandes mosteiros. «Ten bastante lóxica pensar que as adegas puideron pertencer a unha fundación monástica importante como Montederramo ou Xunqueira de Ambía, porque tiñan un poder económico capaz de levantar e manter unha infraestrutura deste tipo, o que non sería o caso doutros mosteiros máis pequenos», comenta.

Moito menos probable parece encontrar datos nos arquivos das parroquias, sobre todo se se buscan informacións antigas -agrega Ayán-, porque apenas hai documentos parroquiais de antes do século XVII.