O gusto de traballar por Maceda desde Maceda

La Voz OURENSE / LA VOZ

MACEDA

MIGUEL VILLAR

O fillo predilecto da vila descubriu onte unha placa co seu nome na fachada da Casa do Concello

18 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Para min é un pracer terte como veciño pero sobre todo terte como fillo predilecto, por todo o que fas por Maceda. Ti es a típica persoa que, cando a encontras pola rúa, das grazas porque sempre tes un sorriso, sempre tes ánimo». Son parte das verbas que onte lle dedicou Rubén Quintas, alcalde de Maceda, a Francisco Nóvoa, fillo predilecto da vila. Foi no transcurso dun encontro que serviu para descubrir unha placa co seu nome na fachada da Casa do Concello. O acto de nomeamento tivo lugar no ano 2010 pero o obxectivo da celebración de onte era deixar testemuña para o futuro.

A benvida deuna a concelleira Cándida González, que lembrou que as raíces de Francisco Nóvoa están na aldea de Francos, once espertou á vida, onde escoitaba aos seus maiores as historias e as tradicións que aniñan aínda hoxe no noso maxín». «Sempre estivo, está e estará orgulloso de levar ao seu pobo ao máis alto», apuntou.

Á descuberta da placa acudiron, ademais, os portavoces da oposición, Ana María Rodríguez e Xabier Oviedo. Este último era o rexedor cando tivo lugar o acto de nomeamento como fillo predilecto de Nóvoa. Tamén outros membros da corporación municipal así como amigos e veciños que, xunto ca familia, que quixeron arroupar ao homenaxeado nunha cita á que lle puxeron música a coral, a banda de gaitas e a escola de música de Maceda.

No Casa do Concello hai outra placa, dedicada a Cardenal Quiroga. Francisco Nóvoa empregou palabras súas para mostrar o seu agradecemento á corporación municipal, a todos os veciños, á familia e aos amigos: «En este mundo, en que hay tantos actos nobles y bellos que, a fuerza de repetirse, quedan reducidos a simples ceremonias externas, vacías de contenido. Existen, sin embargo, algunos que se conservan perennemente el encanto de su primera hora y ven incrementado al correr de los tiempos su significado y su valor». Porque para Francisco Nóvoa o acto celebrado onte -ao ser día das Letras Galegas non deixou de lembrar a Casares- será un deses aos que se refería o Cardenal Quiroga, deses que perduran no tempo. O investigador Santiago Prol puxo un punto final improvisado mais redondo: «Con xente como Paco da gusto traballar por Maceda».