«Convocatorias como estas axudan a dar visibilidade ao noso traballo»

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

MACEDA

cedida

23 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Apresenza do ourensán Alberte Pérez Rodríguez (Maceda, 1974) no listado dos proxectos do COAG materialízase en varios apartados. A piscina que creou na casa dos seus pais, os vestiarios do campo de fútbol de Vilar de Astrés, unha proposta para unha libraría na Coruña, cidade onde traballa, ou a mostra do Ourense imaxinado, que estivo no Centro Valente, son iniciativas súas.

-Como valora a presenza no proceso dos premios do COAG?

-Nestes casos hai que tomalo con tranquilidade. Estamos ao inicio do proceso e é certo que figuramos con varias obras, mais logo haberá unha selección para escoller aos finalistas de cada apartado e xa despois se coñecerán os premios. Por agora o único que hai é o listado das obras que se enviaron.

-Convocatorias como estas axudan a dar visibilidade?

-Son unha plataforma que serve para dar a coñecer a túa obra e para que chegue ao público o que se está a facer en Galicia e para ver como está o panorama no sector na actualidade.

-Hai tempo as convocatorias eran máis frecuentes. A crise afectou a esa dinámica?

-Lóxico. Antes os premios tiñan outra periodicidade, mais iso está pasando con todo. O mesmo acontece nos Juana de Vega, que ademais tiveron que ampliar os seus apartados. O repaso dos apartados dá o perfil da repercusión da crise na nosa profesión e no sector: o apartado de reforma e interiorismo conta con máis de medio cento de proxectos, un tercio dos totais. E case non hai obra nova, xa non digamos promoción de vivendas ou proxectos de carácter público, son maioritariamente unifamiliares ou restauracións. Dá a medida de como está a cousa: agora fas desde interiorismo a deseño de mobles porque todo está moi parado.

-Volve a piscina que fixo na casa dos seus pais en Maceda.

-A verdade é que é unha intervención que me está dando moitas satisfaccións. Foi seleccionada para a Bienal de Venecia e alí o pavillón español levou o León de Ouro. Foi unha experiencia única porque ademais coincidimos con outros vinte arquitectos da nosa xeración e con xente como os compañeiros cataláns que montaron no seu día o proxecto no que nos inspiramos para facer logo en Galicia a mostra Metaxenese.

-Ten desenvolvido outras propostas no pobo?

-Si, é precisamente algunha delas está relacionada con ese proxecto. Fixemos a remodelación das piscinas públicas de Maceda e creamos o Centro de Día. Son dúas actuacións das que me sinto especialmente orgulloso, porque sempre se citaba a Maceda cando se falaba de feismo e queremos demostrar que se poden facer boas e grandes cousas.

-Tamén figura a mostra do «Ourense imaxinado».

-Foi unha grande experiencia. Unha proposta integral dende o comisariado á facer a documentación e selección dos proxectos a expór. Tamén nos encargamos do deseño expositivo e da proposta didáctica. É un proxecto do que me sinto moi satisfeito.

-E algún que nos resultara como agardaba?

-O da Casa da Maxia de Ourense. Era unha magnífica proposta e algo pioneiro. É unha mágoa que non se rematara.

Alberte Pérez conta con proxectos en varios apartados a concurso