Relixión e festa en Lobeira

M. R. V. OURENSE

LOBEIRA

Miguel Villar

O principal festexo mariano da Baixa Limia celébrase esta fin de semana

01 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Baixa Limia celebra esta fin de semana a romaría mariana de máis sona en toda a bisbarra. A celebración que honra a Nosa Señora do Viso reúne no seu santuario do municipio de Lobeira a centos de fieis que se achegan por devoción e polo ambiente que se vive neste tradicional festexo, que aínda conserva o aroma das antigas romarías, cun campo arredor do santuario que se amosa propicio para xantar, descansar e gozar da música logo de expresar o fervor relixioso. Desde mañá venres ata o domingo, día grande, no santuario do Viso haberá actividade. A festa é de carácter municipal e está patrocinada polo Concello de Lobeira.

A primeira xornada da fin de semana, mañá venres, resérvase á xente nova. Desde as once da noite celébrase a festa da xuventude coa actuación do grupo de rock Croma. Ademais da música ao vivo, os mozos que se acheguen poderán prolongar a festa co acompañamento da disco móbil Show.

O sábado é xa un día importante para as celebracións relixiosas. Ás doce da mañá haberá unha misa no santuario e ás seis da tarde, o remate da novena. Despois, sobre as sete do serán, será a procesión dos fachos, na que a imaxe da Nosa Señora do Viso é acompañada desde o santuario ata o templo parroquial. Os gaiteiros do Cadós serán quen poñan a música no cortexo.

Pero haberá máis que misa e procesión. Desde as 15.30 horas, a banda de gaitas de Lobeira e a charanga de Bande amenizarán a estancia dos presentes no santuario. Desde as sete, sumarase ao programa musical a charanga XL. Despois haberá degustacións gratuítas de produtos típicos nos postos do recinto nunha carpa instalada. A verbena, a partires das once da noite, correrá a cargo da orquestra Ipanema.

Comidas campestres e procesións

O domingo é o día principal da Romaría do Viso, na que se conmemora a festividade de Pentecostés. Ás 10.30 horas será a misa na igrexa parroquial para despois dar comezo a procesión coa imaxe da virxe ata o santuario.

A comitiva terá o acompañamento musical da banda municipal de Xinzo, da charanga de Bande, do grupo tradicional A Armada, dos gaiteiros do Cadós e da banda de gaitas de Lobeira. Á unha da tarde será a misa campestre no exterior do santuario, oficiada por cregos da Baixa Limia e cantada pola Camerata Auriense. Ás seis da tarde haberá unha procesión polos arredores do santuario e nova misa.

A comida campestre tradicional do monte do Viso terá a banda sonora do grupo folk Bandiños, que se quedará ata a tarde facendo quendas coas

charanga de Bande para continuar a festa.