Fernando Blanco e Enrique Conde enchen Viña Meín

La Voz

LEIRO

Mani Moretón

A serie «Pinturas nas paredes» e as esculturas de madeira amósanse na adega de Leiro

25 may 2016 . Actualizado a las 16:26 h.

Viña Meín é un dos espazos máis emblemáticos do Ribeiro do Avia. Un conxunto que se converteu en arte en si mesmo da man do seu promotor e do arquitecto que foi quen de facer realidade o seu desexo de voltar ás orixes e pór en valor un legado familiar que esmorecera.

Javier Alén é o corazón dunha das adegas que simbolizou a chegada dunha nova mentalidade ao Ribeiro e Fernando Blanco Guerra o transformador de espazos que ergueu unha das propostas máis orixinais das que se levan creado no sector ?de feito a imaxe da adega sobre o penedo e o viñedo de Viña Meín forman parte dunha campaña da Xunta para espallar a Galicia máis emblemática?. Da man de Fernando Blanco chegaron tamén ao proxecto de Alén a nova adega e a transformación do edificio que se converteu na casa de turismo rural Dona Branca, a escasos metros do antigo mosteiro de San Clodio.

Reencontro

E precisamente na adega de Leiro amosan o seu traballo artístico dende hai unhas semanas o propio arquitecto e Enrique Conde. Un diálogo entre pintura e escultura, cos amplos espazos e a cuberta abovedada do edificio ubicado no pobo de San Clodio, que se artellou en base á serie «Pinturas nas paredes 2016», do arquitecto e artista, e a proposta de Enrique Conde coas «Achas e pitelos» como punto de referencia.

A proposta de Blanco e Conde vai estar ata o verán exposta ao público en Viña Meín e vencelladas á mesma promóvense diferentes iniciativas. Na xornada de inauguración contouse coa participación do poeta Vitor Viñal e neste tempo desenvolvéronse visitas guiadas á mostra durante as fins de semana.

Entre as propostas vencelladas á exposición tamén se contempla algunha actuación musical.

O escritor Xavier Seoane creou un texto sobre a serie do arquitecto titulado «Xestualismo e sución: as paredes pictóricas de Fernando Blanco». No mesmo, Seoane lembra que o artista «desprega, desde a fin do franquismo e os albores da democracia, unha intensa enerxía creativa e unha interacción aberta e apaixonada coa cultura, co mundo, coa vida. E iso tradúcese nunha actitude ?poiética?, de exercicio creador en varios ámbitos. No seu caso, fundamentalmente, a arquitectura e a pintura».