Da vida eremítica de San Pedro de Rocas ao tostado do Ribeiro, pasando por Nós

La Voz

ESGOS

20 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As pezas ourensás que participan en Galicia 100 simbolizan momentos, iniciativas ou proxectos que contribúen a contar a historia e a configuración da cultura e da sociedade galega ao longo dos tempos. Un discurso que é o alicerce da mostra do Consello da Cultura Galega que contou coa colaboración de Abanca e Afundación, e que se amosa actualmente en Compostela.

A tabla de Castromao recolle o pacto de hospitalidade entre os Coelerni e unha unidade militar romana -a Cohors I Celtiberorum- no ano 132 e a lápida de San Pedro de Rocas, escrita en caracteres visigóticos no 573, pasa por ser o máis antigo testemuño da vida monástica en Galicia e converte ao mosteiro excavado na pedra en «paradigma da historia do primeiro monacato galego». O xadrez de cristal de rocha do «tesouro de San Rosendo», pezas creadas no Exipto fatimí, mantén agochado o seu misterio e o burgo de Castro Caldelas é un documento único dende o punto de vista lingüístico, histórico e diplomático.

A revista Nós acolleu a primeira tradución do Ulysses no Estado, feita por Otero Pedrayo en 1926, e a presenza do libro propiedade da fundación que leva o seu nome é un recoñecemento da «modernidade da Xeración Nós e da cultura galega por extensión». No caso do tostado, lémbrase a tradición vitícola e o seu vencello aos mosteiros e -no referido a este viño doce do Ribeiro- a elaboración dun produto exclusivo e de culto vencellado á fidalguía pacega.

O televisor é a icona dun tempo, aquel no que o franquismo creou os teleclubs para que a televisión cheagase ao medio rural.