«En 'Ilustrísima' hai un bo guión e un excelente material para unha película»

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

lara bacelo

O curso de Celanova acolleu unha ponencia de Ángel de la Cruz e Diana López sobre as posibilidades da obra de Casares

07 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A relación de Carlos Casares co mundo audiovisual foi moi estreita. O escritor ourensán deixou pegadas da mesma nos seus artigos da sección Á marxe, de La Voz de Galicia, e na mostra Os mundos de Carlos Casares -a proposta expositiva central das Letras Galegas 2017- figuran materiais que dan conta desta afección: as súas cámaras de filmación, o seu carné de socio do Cineclube Padre Feijoo e mesmo a súa participación nas Xornadas de Cine de Ourense dos anos 70. E a súa paixón polo cine, xunto coa realidade e os posicionamentos que se daban nunha cidade pequena e fondamente relixiosa como o Ourense da primeira metade do século pasado, quedou inmortalizada nun dos títulos de referencia da su obra literaria: Ilustrísima.

E sobre autor e obra centrou unha das ponencias que se presentaron onte no Curso de Medios Audiovisuais de Celanova. Os guionistas Ángel de la Cruz e Diana López foron os encargados da exposición que se desenvolveu baixo o título Carlos Casares. Un guión para Ilustrísima.

Ángel de la Cruz recoñecía na súa participación no curso de Celanova que «dende a Fundación Carlos Casares e por parte de Miguel Anxo Fernández se me prantexou impartir un miniobradoiro de guión centrado nesta obra. Eu xa lera a novela hai anos mais ao volver sobre ela para este traballo atopeime de novo con algo que xa sentira no seu momento, e que ten que ver co potencial da mesma. En Ilustrísima hai un bo guión e excelente material para unha película».

De la Cruz e Diana López lembraron que a obra recolle a relación de Casares co cine, a importancia deste na cidade, as reaccións contrarias que provoca no bispo de Ourense e no clero, a presenza dos ambulantes que chegaban aos pobos e ás cidades coas súas caravanas para facer as proxeccións e as ilusións que se tecían arredor das imaxes en movimento.

Dereitos mercados por TVE

Ángela de la Cruz sinalou que «nós desenvolvemos as pautas que poñemos en marcha, Diana López Varela e máis eu, á hora de adaptar un guión e así fomos pechando as diferentes etapas: desenvolver a idea, posicionarse para saber que tipo de obra tes entre as mans, facer unha boa síntese, unha sinopse, traballar a estrutura con todos os seus puntos de xiro, golpes de efecto, traballar a escaleta, tratamento e todo o demais. Non teríamos un guión, pero si todas as pautas a seguir para materializalo». Lembrou De la Cruz que TVE mercou no seu día os dereitos de Ilustrísima para facer unha adaptación audiovisual, aínda que nunca se chegou a materializar o proxecto.

Tamén recoñeceu que unha posible adaptación cinematrográfica presentaría dúas dificultades. Dunha banda estarían os monólogos interiores de moitos dos personaxes -entre eles o propio bispo- e doutra a escasa presenza feminina na trama. Darlle protagonismo ao vicario -para ter diálogos- e á relixiosa que figura na novela -ou á muller que chega no grupo de ambulantes italianos- serían para el posibeis solucións.

Novo proxecto e premios Goya

Ángel de la Cruz, que conta con tres premios Goya, e Diana López tamén falaron do seu novo proxecto de animación: Memorias dun home en pixama. Segundo as previsións coas que traballan a cinta presentarase en setembro, esperan poder entrar na selección do Festival de San Sebastián, e chegará ás salas a finais de ano o comezos do 2018. O obxectivo é entrar nos Goya, aínda que a nova entrega de Tadeo Jones «vai pór difícil o premio».

Curso e mostra. O Curso de Medios Audiovisuais dá este ano un especial protagonismo a Casares e inclúe a mostra sobre a súa relación co cine.

Ponencia. Sobre este vencello falará hoxe Miguel Anxo Fernández na xornada de clausura do CEMAC.