Recreación da beleza en pedra

Maite Rodríguez Vázquez
Maite rodríguez OURENSE / LA VOZ

CELANOVA

Santi M. Amil

O artesán canteiro Juan Carlos López Feijoo, Calos, fixo reproducións a escala de monumentos de Celanova, Os Milagres e Santiago

03 dic 2016 . Actualizado a las 21:15 h.

«Atrapado polas marabillas de Celanova». Así se define no seu blog o canteiro Carlos López. A pedra do mosteiro de San Rosendo e a capela de San Miguel, da praza Maior ou das rúas do casco vello cativaron pronto a este artesán celanovés. «A pedra envolveume, simplemente observando a arte que temos aquí ves a beleza que nos deixaron os nosos antepasados», explica. Non tivo pois que ir moi lonxe para atopar modelos para as súas creacións, reproducións a pequena escala de monumentos en pedra da súa vila e doutros lugares. Reproduciu en pedra a fachada da igrexa conventual de Celanova, a do santuario dos Milagres e tamén da torre dos reloxos da catedral de Santiago.

Afeccionado aos traballos manuais desde neno, Carlos López tomou contacto coa pedra como material de traballo a partir dunha escola obradoiro. «Tiven a sorte de coñecer a bos escultores e arquitectos, porque o debuxo é a base de todo», lembra o artesán. Antes de comezar o traballo sobre a pedra, deseña sobre un plano como referencia da imaxe que quere representar. Pero, logo de superar imprevistos durante o proceso, ao final hai sorpresa para el mesmo: «Eu son o primeiro en asombrarme de como queda o resultado».

Carlos López, aos seus 41 anos, leva máis de dúas décadas encaixando a súa sensibilidade coa dureza da pedra. Practicando desde o máis básico ata poder reproducir «o sublime» dos monumentos en pedra que lle resultan máxicos pola súa «perfección, encaixe e equilibrio». Conta que se atreveu a xogar con molduras que foi estudando co paso dos anos para deseñar algo propio. «Pero aínda teño moito que aprender para expresarme. Copiar é reducir, pero mesturar e xogar para deseñar formas que non existen é diferente. Síntome máis cómodo traballando sobre o que vexo», explica o artesán. Carlos López considera que fai estes traballos por afección ou satisfacción persoal e non como mero traballo. Afirma que se sente abafado pola resposta da xente diante das súas obras. «Si, é artesanía, considérome un obreiro ou artesán e dos malos porque hai moito nivel», sinala. «Non pretendo vivir disto, aínda que recoñezo que sería gratificante. Imponme, prefiro ter outro traballo manual que a presión de investir e buscar mercado. Mellor arranxarme co pouco que teño e non querer abarcar», aclara. Con 25 anos intentou facer da artesanía en pedra o seu medio de vida e levou unha desilusión.

A reprodución a escala da capela de San Miguel como agasallo para o párroco de Celanova -que lle levou dous meses de traballo- ou unha rosa dos ventos foron algunhas das súas últimas producións públicas en Celanova. Vai acompañando as creacións que levan máis tempo con encargos máis pequenos.

A arte galega é para Carlos López unha inspiración. O traballo feito máis que as persoas que o fixeron. Atrás da construción do mosteiro de Celanova houbo moitos canteiros, relata, e considera que amosan o perfeccionismo e o máis selecto deste oficio. Pero Carlos López di apreciar o valor de cousas máis sinxelas.

O coñecemento do material é importante. «A pedra hai que coñecela, hai que diferenciar o grao. Segundo a súa dureza ou composición permite desenvolver unhas cousas ou outras. Non todo o granito é igual, aínda que o pareza. Pouco a pouco vas abrindo campo», relata o artesán. A cantería hoxe en día non é tan demandada pola caída da construción, pero a medida que vai presentando traballos sinte que o público os aprecia máis. Porén, lamenta que non se continúen estes oficios tan laboriosos. «Para deseñar en pedra necesitas máis tempo e paciencia que noutros materiais que poden ser máis rápidos. Eu non busco a rapidez senón a duración», manifesta.