A realización e os guións centraron a xornada do curso de Celanova

La Voz

CELANOVA

paulino pérez

As actividades péchanse hoxe coa participación de Juana Macías, vicepresidenta da Asociación de Mujeres Cineastas

07 jul 2016 . Actualizado a las 21:43 h.

O Curso de Medios Audiovisuais de Celanova centrou onte as súas sesións no traballo das realizadoras e no campo da creación de guións. Unha das produtoras e directoras con maior experiencia no sector en Galicia, Manane Rodríguez (Xamalú Filmes), guiou a proposta Mirando o cine con ironía. A partir do pase de Un ajuste de cuentas, Manane Rodríguez foi reflexionando cos participantes do curso en aspectos e circunstancias que condicionan a actividade e os proxectos no día a día da cinematografía española.

Outra recoñecida profesional do sector audiovisual galego, Chelo Loureiro, centrou a súa intervención no curso nunha realidade como a de producir cine a contracorrente. Amosou algúns dos seus traballos e referiuse á problemática que se dá con aspectos como os de acceder ás subvencións, a coordinación en proxectos de coprodución e outras circunstancias. Tamén houbo un debate sobre a escrita de guións. No encontro Ser muller e guionista en Galicia participaron Puri Seixido, Diana López e Araceli Gonda. Seixido, con ampla experiencia en series de televisión, asegurou que dende o seu punto de vista a clave para que unha serie funcione está «no carácter dos personaxes, e non tanto na trama».

Clausura con Juana Macías

O CeMAC clausura hoxe a edición 2016 e faino coa participación de Juana Macías, vicepresidenta da Asociación de Mujeres Cineastas y Medios Audiovisuales (CIMA-ESpaña).