Celanova convértese en campus universitario

Elisabet fernández OURENSE

CELANOVA

O martes arranca o curso de medios audiovisuais, que ofrece tres clases maxistrais e contará ca presenza de Ángel de la Cruz, gañador de tres Goyas

04 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O audiovisual galego deuse cita na Deputación de Ourense ca presentación do curso de Medios Audiovisuais de Celanova, que se celebrará na vila ourensá do 7 ó 10 de xullo. No acto celebrado onte participaron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o director de Agadic, Jacobo Sutil; o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez; o presidente da fundación Carlos Casares, Xavier Casares; o director do curso, Miguel Anxo Fernández; e o director do taller audiovisual, Paulino Pérez.

Virxilio Rodríguez referiuse á importancia de ir máis aló das fronteiras do campus, «converténdose Celanova en campus universitario nestes días».

Miguel Anxo Fernández, director do curso, falou das principais novidades deste ano: clases maxistrais cos profesionais Guillermo Represa, Sergio Moure e Suso Bello e a gravación dunha webserie baseada na obra Vento Ferido, de Carlos Casares.

Entre outras presenzas importantes, estará Ángel de la Cruz, gañador de tres Goyas. Tamén haberá relatorios e talleres, contribuindo así á aposta do curso pola diversidade, abrindo fronteiras nos formatos e soportes e acollendo ós novos creadores galegos.

O curso está organizado pola fundación Carlos Casares e conta cos apoios da Deputación de Ourense, a Universidade de Vigo e o Concello de Celanova.