«Nesta edición potenciamos o noso número»

M. r. v.

CARTELLE

Jaime Sousa Presidente

08 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Jaime Sousa, agora alcalde de Cartelle, é presidente da Asociación de Caballistas do Mundil, o colectivo que organiza a festa e que ademais desenvolve durante todo o ano unha intensa actividade arredor do mundo equino, dedicada á formación e ao coidado dos cabalos dos socios e das crías de pura raza galega.

- Levan xa vinte anos de actividade. ¿A asociación de cabalistas xurdiu para organizar a festa ou xa estaba activa naquela primeira edición?

-A asociación créase un ano despois de facer a primeira Festa do Cabalo. Aquelas catro persoas que a organizaran deciden reunirse para crear a asociación de cabalistas. É unha satisfacción inmensa estar á fronte deste colectivo, que ten 200 socios e quince directivos e está saneado.

-¿Como foron medrando as instalacións e os servizos ?

-Os veciños do Mundil cederon o terreo e empezamos co picadeiro exterior e coa pista de velocidade. Logo fíxose o edificio con baños, de cen metros cadrados, cando vimos o que necesitaban os asistentes a festa. O centro ecuestre veu despois, coas cortes e o resto.

O centro ecuestre está dirixido por un rapaz, Sebastián, que chegou con oito anos de Venezuela e fíxose monitor. Esta é unha asociación sen ánimo de lucro e os prezos son para manter as instalacións. Danse clases para aprender a montar a cabalo a uns trinta nenos, que actúan no carrusel musical que se poderá ver o domingo. Ensaian case todo o ano para elo. Aquí temos tres tipos de cabalos: os que teñen os socios, os que se utilizan para as clases e os de pura raza galega que preparamos cun convenio con criadores de Santiago para distribuírmos por toda Galicia.

-¿Para esta vixésima edición buscaron algo especial ou manteñen a continuidade?

-Invitamos aos cabalistas do Salnés, que viñeron gratis hai anos e déronnos a idea de montar un espectáculo como o deles. Farán de novo o espectáculo de novo. O nos número é moi espectacular, e non é doado con cabalos de raza pura galega e con nenos da escola. Faise unha reprodución do que amosan en Xerez na Real Escuela Andaluza de Arte Ecuestre. Son pases moi variados de quince minutos. Desde as tres e media, hai nenas trenzando aos cabalos e xente preparando monturas.