O lobo que escribiu o seu propio final feliz

I. Soto SUSTINEA

CARTELLE

OSCAR CELA

Sustinea defende que hai que coñecer ben este animal antes de actuar sobre a súa poboación

07 feb 2017 . Actualizado a las 17:54 h.

Caera o día e aquela manda de lobos atopábase reunida preto do furado na terra que daba acubillo aos lobiños. Uns sete individuos dirixían a súa mirada cara o mesmo, era o macho alfa do grupo. Un preguntáballe pola posición que debía adoptar cando se achegaran á presa, outro pola estratexia a seguir na procura de alimento, o das costelas marcadas encargábase de pechar o grupo mentres que o de fociño esbrancuxado parecía xa saber que non se debía afastar moito das crías para atender os seus coidados. Os lobiños semellaban alleos á conversa, xogaban sen darse de conta que ao tempo adquirían as destrezas para a caza e, diste xeito, tomaban contacto co terreo. «Debemos actuar unidos e coordinados, que ningún de vós se precipite».

O lobo, non se pode entender como un individuo illado que actúa de maneira independente, se non como membro dunha estrutura social perfectamente xerarquizada, onde cada membro ocupa un lugar e ten un rol ben definido; hai lobos dominantes, que normalmente concorda coa única parella reprodutora dentro do grupo, e hai lobos subordinados a estes.

Se queremos actuar sobre a poboación de lobos parece imprescindible coñecer ben as súas particularidades, tanto morfolóxicas como as correspondentes a súa etoloxía.

Unha vez que somos coñecedores da ecoloxía desta especie, resulta incomprensible as medidas azarosas empregadas pola administración para mitigar os danos ocasionados ao gando, centrándose exclusivamente na eliminación de individuos.

Cun control da especie confiada a un grupo de persoas pouco cualificadas en canto se refire a xestión de poboacións (cazadores), que empregan métodos pouco selectivos (rifles en batidas) con cero asesoramento científico, corremos o risco de eliminar da manda individuos chave como serían os reprodutores. Con este procedemento, ademais de comprometer o futuro da especie, agravamos en moitos casos a atávica relación do gandeiro e o lobo. Está estudado que non hai unha relación directa entre a eliminación dun individuo e a diminución dos danos ocasionados ao gando porque, no caso de matar ao lobo dominante, a manda perde a súa estrutura e o resto de individuos non son quen de organizarse para cazar, actuando cada un deles de maneira independente e atacando de xeito errático e imprevisible.

Sería insultar ao lector se tiveramos que aclarar a necesidade de calquera ser vivo para alimentarse. Pero por se aínda así xorden dúbidas, o lobo ademais de amolar ao gandeiro, pretende garantir a perpetuidade da súa especie, e con ela a nosa propia, protexendo o seu acervo xenético.

Do acontecido en Friol

Os plans de xestión son unha obriga legal de todas as comunidades autónomas para aquelas especies catalogadas como ameazadas; están consideradas unha das ferramentas máis importantes para garantir a súa conservación. O seu obxectivo último debería ser permitir a súa descatalogación mediante a eliminación das ameazas existentes sobre a especie. O Plano de xestión do Lobo para Galiza existe, ademais de porque é unha especie ameazada, porque a súa relación co home non está libre de conflito, e así o reflicte o resumo que se pode extraer do plano cando fala do máximo respecto ao lobo, sempre e cando non choque de fronte cos intereses humanos; é dicir, que a lei segue sendo permisiva para que se podan cazar.

A polémica veu dada a semana pasada cando a Consellería de Medio Ambiente autorizou unha batida no municipio de Friol cunha chea de irregularidades, denunciada non so por colectivos conservacionistas, se non tamén polo propio Seprona.

O Plano de xestión do lobo define para Galiza tres zonas en función da densidade de lobos, o gando e os danos producidos. Friol está encadrado na zona 1 que, en base á normativa, permite «controis puntuais», tamén coñecidos como batidas, se existe unha solicitude por parte de persoas afectadas polo ataque do lobo en caso de danos recorrentes. Entendemos que a autorización dada pola administración para sacrificar un animal tivo lugar porque as medidas preventivas, o asesoramento aos afectados, así como os pagos de compensación polos danos causados por reses mortas, das que se fala no Plano de Xestión, non foron suficientes nin efectivas. De non ter sido así, o Plano de Xestión do Lobo é un fracaso e non garante a súa supervivencia, dado que a poboación efectiva en Galiza representa unha reserva xenética pequena, no límite da viabilidade.

Por todos estes acontecementos que se veñen repetindo e, porque somos coñecedores que debemos protexer a todas as especies para garantir a nosa propia supervivencia, Sustinea adica este mes a conservación da biodiversidade. Queremos que se vele pola conservación das especies para seguir atopándonos a pegada do lobo nos nosos camiños e que o seu nome non só quede reflectido nos contos infantís ou na variada toponimia que vencella este animal a moitos dos nosos lugares, como Cova de Lobo ou Lobios; ou coa terminación xermánica -ulfe como Gondulfes en Verín e A Ulfe en Cartelle,

En prol do desenvolvemento sostible

Somos unha asociación medioambiental que traballamos en prol ao desenvolvemento sostible. Facémolo mediante proxectos de desenvolvemento rural, programas de educación ambiental e estudando o noso medio para buscar solucións ás súas problemáticas. Ao longo do ano levamos a cabo diversas actividades, dende voluntariado ambiental, campos de traballo, campañas de sensibilización, actividades en familias, roteiros temáticos, campamentos ambientais, intercambios xuvenís europeos, estudos de fauna e flora, Servizo de Voluntariado Europeo, entre outros proxectos que podes coñecer mellor en sustinea.org ou no noso perfil de Facebook.