«O territorio do Couto Mixto é un espazo único en Galicia»

sindo martínez XINZO / LA VOZ

CALVOS DE RANDÍN

JOSÉ MANUEL CASAL

O responsable da lingua no Goberno galego será nomeado o sábado «xuíz honorario»

29 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O director xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, (Silleda, 1970) será investido este sábado, día 1 de xullo, como novo xuíz honorario do Couto Mixto nun acto no que tamén recibirán este recoñecemento o xerente de Expourense, Alejandro Rubín e a Eurocidade Salvaterra do Miño-Monçao. A asociación de amigos da antiga Andorra galega, destaca os méritos de García como impulsor da lingua e da cultura do país. O acto desta fin de semana na igrexa de Santiago de Rubiás, en Calvos de Randín, onde se garda a arca cos textos e documentos do Couto, contará coa presenza da cantante portuguesa María do Ceo o do grupo de música clásica Kalekol. A asociación cambiará nestas xornadas de presidente tralo abandono de Carlos Varela.

-Como recibe vostede este recoñecemento?

-Cunha gran alegría. Foi unha sorpresa moi agradable. Entereime por un escrito oficial, curiosamente. Hai moito tempo que coñecín a historia do Couto Mixto e sempre me pareceu un lugar emblemático,  moi romántico. É un espazo único en Galicia, moi peculiar, xa que non existe outro caso parecido na nosa terra. Hai anos que vou alí.

-Cal é a transcendencia do Couto dentro da historia de Galicia?

-Penso que é moi importante e que a súa transcendencia vai a máis co paso do tempo. Estos actos en verán teñen un efecto multiplicador cos anos. Cada vez ten unha maior repercusión e cada vez máis xente coñece a singularidade do Couto. O traballo de persoas como García Mañá ou Pepe González é moi importante. Aínda hai termos vinculados ao Couto como o Camiño Privilexiado ou a figura dos dous xuízes honorarios que non son tan coñecidos. Hai que ter en conta que este territorio é moi peculiar. Está ubicado a un paso de Portugal, lonxe de grandes aglomeracións poboacionais. É un lugar aínda descoñecido para moitos galegos pero penso que cada vez será máis comentada a súa transcendencia histórica en Galicia.

-Cree que O Couto é coñecido adecuadamente en Galicia?

-Pódese facer máis para que máis xente a valore, pero considero que se está no bo camiño nesa campaña de promoción na que a asociación de amigos do Couto ven facendo unha labor tan importante.

-Pensa vostede que a historia do Cuoto Mixto pode supór un impulso económico para unha zona deprimida como os pobos de Meaus, Santiago e Rubiás?

-Sen dúbida algunha. Vexo, cada vez que vou, que cada ano hai máis casas restauradas nos pobos do Couto. Pode ser una fonte de riqueza e de fomento da hostelería e do turismo. Hai que ter presente que hai unha gran demanda, cada vez maior, deste tipo de lugares apartados nos que revisar ou coñecer a súa historia, facer senderismo, disfrutar dunha boa comida ou contemplar simplemente a paisaxe dunha gran beleza. Non todo é turismo de praia e sol. Un exemplo disto pode ser o caso de Taramundi, en Asturias, que tampouco ten unha gran cidade ao carón pero que atrae a moitos visitantes. O interese pola raia vai cada vez a máis.

- Como valora a labor de promoción do espazo feito pola asociación de amigos do Couto Mixto?

-E dun enorme valor. Nos actos como o desta fin de semana acuden cada vez máis persoas. O prestixio social do Couto non para de incrementarse. Este espazo é unha república dos soños, como canta María do Ceo, una entelequia moi romántica que tivo unha historia específica, que puido ser outra e desenvolverse doutro xeito. É una reflexión sobre que o mundo pode ser mellorado e cambiado. O romanticismo impregna a pasado do Couto Mixto.