O Arqueolóxico amosa a súa historia

BOBORÁS

Santi M. Amil

A exposición «Na procura do pasado» reivindica o legado e o traballo dos pioneiros da arqueoloxía ourensá

07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ata o 19 de xaneiro • Afundación (Praza Maior de Ourense) • Gratis • A forza de estar agochado no exilio de A Carballeira, con embaixada na sala de escultura de san Francisco, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense vaise alonxando -no que ao coñecemento se refire- dos ourensáns. Un feito, o de non contar coa sede da praza Maior en funcionamento, que fai máis difícil disfrutar dos fondos patrimoniais do Arqueolóxico e do traballo que desenvolven no día a día. Un aspecto que, na medida do posíbel, queda compensado polas actividades que desenvolven, presentacións, visitas guiadas e a organización de mostras que se amosan ao público na sala de Afundación na cidade.

O novo proxecto expositivo leva por nome «Na procura do pasado» e no mesmo proponse unha achega á historia do Museo Arqueolóxico de Ourense e ao traballo desenvolvido polos pioneiros da defensa do patrimonio e os proxectos de figuras que aínda teñen espazo na memoria recente dos ourensáns.

Comisión de Monumentos

Os inicios da actividade arqueolóxica na provincia de Ourense están vencellados aos membros da Comisión de Monumentos «que co seu traballo e dedicación conseguiron crear o Museo Arqueolóxico Provincial, ao tempo que promoveron intervencións en diferentes xacementos, como o da Cigarrosa, levando a cabo o estudo dos obxectos que ingresaron no Museo», segundo se reseña na exposición. Nomes como os de Arturo Vázquez Núñez, Manuel Díez Sanjurjo ou Marcelo Macías aparecen vencellados á comisión.

Nomes, lugares e obxectos que compoñen unha exposición que percorre a provincia da man dos arqueólogos, etnógrafos, historiadores e investigadores que adicaron a súa vida á defensa, recuperación e coñecemento do patrimonio ourensán. Xunto aos citados, destacan figuras como as de Florentino López Cuevillas, Xaquín Lorenzo Fernández, Xesús Ferro Couselo, Xesús Taboada Chivite, Francisco Conde Valvís, Rubén García Álvarez, Manuel Chamoso Lamas e Laureano Prieto, entre outros.

Na mostra figuran fotografías e outros documentos que dan conta das campañas desenvolvidas ao longo de décadas -dende finais do XIX aos anos 70 do pasado século- en lugares como Castromao, santa Águeda (Vilamarín), Armeá, san Mamede (Montederramo), Muradella (Verín), na capela da Asunción (Baltar), en Rebordedondo e san Millán (Cualedro), Barbantes, Ribadavia, Abelenda das Penas (Carballeda de Avia), Cameixa (Boborás), san Cibrao de Las, Monte Albán (Rairiz de Veiga), Casiña da Moura (Muíños) ou o Monte das Motas (Lobeira).

Da arracada ao tríscele

«Na procura do pasado» inclúe unha colección de pezas relacionadas directamente coa actividade desenvolvida. En Afundación pódense ver dende o guerreiro de Armeá ao tríscele atopado hai pouco en Las, pasando pola tábula de Castromao, a arracada de Vilar de Santos ou as estatuas sedentes de Xinzo.