«A precariedade é o símbolo dos tempos que nos tocaron vivir»

BOBORÁS

Diego Ameixeiras é un dos autores galegos máis premiados da súa xeración<span lang= es-es >. </span>
Diego Ameixeiras é un dos autores galegos máis premiados da súa xeración. pablo f. capón< / span>

O autor ourensán compatibiliza o traballo no audiovisual coa literatura

05 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por aquilo de que as fronteiras galegas son unha lenda que se perde na orixe dos tempos, Diego Ameixeiras é un ourensán do barrio do Couto ao que lle deu por nacer en Suíza. Disque foi en Lausanne alá por 1976. Aínda que tamén podería ser un argumento dunha das súas novelas, o un episodio dun dos seus guións para televisión. Xornalista por formación, escritor por vocación e guionista de oficio, Ameixeiras é un dos autores máis recoñecidos da súa xeración. Os seus títulos foron quen de facelo gañador do Premio Xerais de Novela, o Especial de Dirección da Semana Negra de Xixón, o Irmandade do Libro ao Mellor Libro do Ano, o de entregas de La Voz de Galicia ou, máis recentemente, o Losada Diéguez de literatura.

-¿Como valora os premios conseguidos?

-Sempre están ben polo prestixio e o recoñecemento que che dan e o beneficio que aportan, xa que vivir da literatura e dos dereitos de autor é difícil.

-¿Abandonou o xornalismo?

-É unha cuestión circunstancial. Por como foi transcorrendo a miña experiencia, decanteime por traballar en cousas máis relacionadas coa televisión e co sector audiovisual, concéntrandome no tema literario, nos guións, e compensando as dúas cousas. Aínda que manteño a colaboración co Fugas de La Voz, cada quince días, e de cando en vez encárganme algunha reportaxe para revistas ou publicacións.

-¿Síntese mellor no traballo audiovisual?

-É algo máis condicionado. Traballas con prazos, cos temas xa marcados, e o resto xa son as normas da escritura do guión.

-Series de televisión, cine... ¿Non é un sector afectado especialmente pola crise?

- Creo que agora está empezando a medrar algo a cousa, a experimentar un repunte. Si que é certo que houbo momentos dun baixón importante. Aínda que tamén hai que precisar e poñer as cousas no seu sitio: son producións de baixo custe, inclúen menos localizacións, menos actores, menos guionistas... menos de todo. A precariedade é o símbolo dos tempos que nos tocaron vivir.

-¿En que películas participou?

-Fixen o guión de 18 comidas, a película de Jorge Coira na que participou Luís Tosar, do documental La mujer del eternauta e participei en María y los demás, de Nelly Reguera.

-¿E no caso das series?

-Fixen cousas para Matalobos e capítulos e traballos para outras. No caso das series hai moi pouco traballo nos últimos tempos e en moitos casos nin se chegan a producir ou a emitir. É algo habitual, por cada idea ou produto que chega á pantalla quedan corenta ou cincuenta polo camiño.

-¿Guión ou literatura?

-En realidade adícome a traballar de guionista e compaxínoo coa literatura.

-¿En que está a traballar?

-Estou cunha novela a voltas. Conto con tela rematada para poder publicala a final de ano. Está ambientada en Ourense e o protagonista é un escritor que está obsesionado cun autor de novela negra dos anos 40 e quere viaxar a Philadelphia e estar uns días na cidade para coñecela. É unha homenaxe aos escritos do xénero dos anos 30 e 40 do pasado século.

-¿Daquela volve a Oregón? (Ameixeiras refírese á cidade con ese nome e gañou o Premio por Entregas da Voz con «Historias de Oregón»).

-Si. Volvo para Oregón. Había anos que non o facía e era hora de regresar á casa e ao meu barrio do Couto. Serán os escenarios da miña nova obra.

diego ameixeiras escritor, guionista e xornalista

«No caso do Losada Diéguez valoro o prestixio e estar xunto aos mellores autores»

A entrega dos premios Antón Losada Diéguez deste ano foi a máis accidentada que se recorda. O pregoeiro sentiuse mal e rematou ingresado no Meixoeiro, logo de ser atendido Avelino Muleiro nun primeiro momento polo alcalde de Boborás, Cipriano Caamaño, e polo portavoz do BNG no Carballiño, Chema Ferreiro.

-Menudo susto.

-Parecía algo surrealista. Remataba el o seu discurso e xa estaba preparado para intervir cando vin que non se atopaba ben. Collino, porque estaba ao seu lado, e xa foi cando entraron con el para o pazo para atendelo.

-¿Como valora o Losada Diéguez?

-É un premio de moito prestixio, que ademais se lle dá a unha obra xa publicada -co cal ás veces nin sabes que te presentas e xa se valora o percorrido da mesma polo tempo que leva editada- e que só mirar a xente ao que se lle ten concedido xa aporta a medida do que é. No meu caso valoro de xeito especial o prestixio do recoñecemento e estar xunto aos mellores autores. É un orgullo estar con xente á que admiro e a que tanto lin.

-Cambio xeracional e xénero.

-É un feito importante que premiaran Conduce rápido porque galardoar unha novela negra é sinal de que algo está cambiando e se normalizan moitas cousas. Aínda que xa se recoñeceu hai uns anos un traballo de Domingo Villar. O relevo é lóxico e tamén que empecen a levar premios e estar presentes autores de xeracións máis novas que a miña.

-¿Cre que a aínda se ten que reivindicar este tipo de novela?

-Hai tempo que se desprendeu dos prexuizos. Non é nin mellor nin peor que outro tipo de literatura. Trátase de facelo con honestidade e o mellor posible.