«O festival estará enfocado no noso rock»

M. rodríguez

BARBADÁS

Santi M. Amil

A Valenzá acolle esta noite o primeiro Tangaranho Rock, coas bandas Ulträqäns, Malleira, Azero e Gintonica

01 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Valenzá vive esta noite unha festa vinculada á música, o primeiro festival Tangaranho Rock, unha iniciativa posta en marcha pola asociación do mesmo nome e que traerá ao concello de Barbadás a dous grupos galegos, Ulträqäns e Malleira, e dúas foráneas, a aragonesa Azero e Gintonica, unha banda madrileña tributo a Metallica. As actuacións, que comezarán ás nove da noite, serán no parque dos patos na Valenzá.

-¿Como naceu a Asociación O Tangaranho?

-A asociación fundouse en xuño a raíz da organización do festival. É un colectivo cultural, empezamos con isto e temos pensadas máis cousas. Coa organización desde evento estamos desde o mes de abril.

-¿E por que comezan cun festival de música rock?

-Gústanos a música en directo e A Valenzá ten boas infraestructuras e unha poboación ampla e nova. Nada deste tipo se fixera antes, pero a historia é empezar. Esperemos que acabe sendo un referente de todo o estado.

-¿Cal foi o criterio de selección das bandas?

-Pensáramos en facer un festival con rock galego e portugués, pero un par de bandas amigas se ofreceron a vir, con boas condicións económicas para nós. Logo busquei bandas de aquí, Malleira e Ulträqäns, e contactei con bandas portuguesas pero xa non daba máis para só un día. De cara a vindeiras edicións plantexaremos o festival máis enfocado no noso rock aínda que convidemos algunha banda de fóra.

Céntrome máis nas que cantan en galego. Son bandas reivindicativas, salvo a de tributo a Metallica. Iso gústame personalmente.

-¿Por que elixiron A Valenzá?

-Hai sitio onde o río Barbaña. Temos alí ao lado o polideportivo para ofrecer cátering ás bandas. É un sitio amplo e no que pode entrar a xente cómodamente tamén para descargar. Hai unha zona de céspede moi boa e se o ano que ven se fan dous días pode haber alí acampada.

-¿É sostible un festival así sen cobrar entrada?

-É de balde porque pedimos subvención ao Concello de Barbadás e contamos coa súa loxística, por iso non se podía cobrar entrada. A Deputación imprimiu os carteis. A organización montará un bar e algúns establecementos da Valenzá colaboraron. Este festival custa oito mil euros e iso que as bandas veñen por moito menos do seu caché. O que máis custa é o equipo de son, o escenario e a iluminación. Ulträqäns tocará ás 21.00 horas durante unha hora e o mesmo tempo para Malleira. As 23.30, Azero tocará hora e media e Gintonica, dúas horas.