«As linguas clásicas imos resistindo, polo momento non nos faltan clientes»

BANDE

Antonio Cortés

Pertence á cuarta xeración dunha estirpe de profesores latinistas vinculados ao instituto ourensano

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan Antonio Saco Rivera (Ourense, 1968) estreouse este curso como director do instituto Otero Pedrayo da capital. É a cuarta xeración de latinistas de apelido Saco neste histórico centro ourensán.

-O primeiro foi Juan Antonio Saco y Arce, autor da primeira gramática galega e profesor tamén no Otero; o meu avó, Juan Manuel Saco Maureso, foi director e profesor de latín e o meu pai tamén foi profesor e secretario con Ogando moitos anos.

-¿Chegar ao Otero era unha meta?

-Realmente non era un obxectivo marcado, pero quería chegar a Ourense por motivos familiares e deuse a circunstancia de que puiden facelo ao sitio onde estudei. Como profesor, antes de chegar ao Otero, estiven 3 anos no instituto de Bande e antes, en Extremadura, que foi onde aprobei as oposicións, porque aquí non había maneira de entrar; para min era máis xusto en Extremadura e alí estiven 3 anos de interino e 3 anos con praza. Tamén estiven no Instituto Español de Lisboa, de interino.

-¿Que sentiu cando entrou no Otero como profesor?

-Ao chegar aquí como profesor, máis que como director, si que foi unha sensación moi estraña. Entrar aquí e sentarte no outro lado, entrar en aulas onde eu recibira clases e estar no outro lado si que foi estraño. Recordaba moitísimo os compañeiros que tiña nesa aula, onde me sentaba eu, os profesores que me deran clase, algunhas chanzas...

-Terá como compañeiros a antigos profesores...

-Si, agora queda só unha persoa, pero cando cheguei de profesor había máis que me deran a min clase. Ao principio resulta estraño, é un pouco case cortante, pero despois non, non deixamos de ser compañeiros. É máis cortante pola parte do exalumno que polo profesor, que xa intúe que estás máis cortado e axuda a integrarte no claustro... e iso agradécese.

-¿Como está sendo a experiencia de dirección?

-Moi traballosa. A principal dificultade é que sempre xurde algunha cousa, sempre hai algo que organizar, porque non é só o nivel académico senón cousas que funcionan, que non funcionan, que hai que avisar aquí, alá... Eu lévoo mellor do que esperaba sobre todo polo equipo directivo que teño, que é magnífico; compartimos totalmente as cargas, cada un ten a súa esfera de traballo e os demais axudan se está sobrepasado.

-Dirixe vostede unha empresa non moi pequena.

-Temos preto dos 900 alumnos, que xa é unha boa empresa para xestionar, e 70 profesores.

-E un edificio singular.

-Que dá algo máis de traballo polo mantemento; hai que estar continuamente chamando a xente para arranxar pequenas cousas. Como non se pode facer unha reforma grande por patrimonio e demais, temos que ir parcheando o que vai saíndo.

-¿Cales son hoxe as principais necesidades?

-A maior agora mesmo é de equipamento, sobre todo informático, e de persoal, que andamos apretados. Supoño que a de persoal é queixa de todos os centros. Inda onte falei cun director de hai 10 anos e chegaron a estar 96 profesores e agora estamos 70; a perda é importante, inda que tamén tiñan máis alumnos.

-É vostede dunha raza de latinistas. ¿Como ve a situación da cultura clásica no ensino?

-Gustaríame que tivera máis peso, comprendo que non teñan o peso de antes coas novas materias e a carga horaria que hai que distribuír, pero gustaríame que tivera máis peso porque axuda bastante aos alumnos a razoar e á comprensión da nosa cultura e da nosa lingua, inda que algúns digan que é só chapar. De todas formas, de estar moi deostadas, como estiveron ao principio desta serie de reformas, agora están tendo un repunte por parte do alumnado. Mantense un interese. Entre as optativas, algunhas foron desaparecendo, pero as linguas clásicas imos resistindo, polo momento non nos faltan clientes.