«Para min a pintura é como un xogo, se sufrise para facelo non pintaría»

AMOEIRO

Antón Pulido xunto a unha das obras da serie «Kermesse» que forma parte da antolóxica.
Antón Pulido xunto a unha das obras da serie «Kermesse» que forma parte da antolóxica. m. moralejo < / span>

Afundación repasa a carreira artística do creador cunha mostra antolóxica

01 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Afundación apostou por darlle continuidade aos proxectos antolóxicos promovidos polas antigas caixas e a obra de Antón Pulido (Bóveda, Amoeiro. 1944) é a protagonista da última destas propostas. A Antolóxica do pintor de Bóveda afincado en Vigo, que se pode visitar na sede de Afundación na Praza Maior de Ourense, fai un percorrido pola súa carreira artística: dende un autorretrato de 1970 a obras da serie Kermesse datadas no 2013.

-¿Como se artellou a selección de pezas para a mostra?

-O obxectivo foi crear un conxunto que servise de viaxe polo traballo desenvolvido ao longo destes anos e as diferentes etapas creativas. Dito isto teño que sinalar que estou totalmente de acordo e moi satisfeito co que fixeron Paloma Vega e Carlos Bernández, xa que eu só estiven de colaborador neste proxecto.

-¿Sinalou, antes da apertura e na inauguración, que a de Ourense era unha cita especial?

-Cando fago exposicións por aí, pasoume coas de Shangai e Seúl, sempre fago constar que son de Bóveda e ourensán. Por iso é unha mostra cun grande fondo sentimental. Aquí está a miña infancia, os meus amigos, o meu paso polo seminario, Otero Pedrayo... ¡moitas boas cousas!

-Do figurativo á abstracción. ¿Con que etapa se sinte máis identificado?

-Con todas. A diferenza doutra xente, que nunca entenderei, eu non renego de nada do feito. Non se poden rexeitar as raíces dun, iso xa o dixo Picasso no seu momento, porque pintar é como facer un camiño. E o que se pode ver na mostra é a miña evolución artística. Para min a pintura é como un xogo, hai luz, ritmo, corpo... e sempre disfruto pintando. Se sufrise pintando non me adicaría a isto.

-Lembrou a súa admiración polas pasaixes de Casaio e de Amoeiro mais non amosa ningunha destas últimas.

-A paisaxe de Casaio é espectacular, das mellores de Galicia. Cando estiven alí de mestre quedei abraiado. Desa etapa é o cadro que se pode ver na exposición. Non hai paisaxes de Amoeiro porque hai que facer unha selección e non pode entrar todo pero para nós, os de Bóveda, a natureza que temos arredor -coa Serra da Martiñá ao fondo- é un dos nosos sinais de identidade. Un día subín con Otero Pedrayo ao Alto do Piñeiro e alá arriba, collendo o seu caxato, dixo: «Está é unha das paisaxes máis fermosas de Galicia».

-Bernárdez incide no catálogo no seu dominio da liña e a súa mestría coa cor.

-Debuxei moito do natural, máis de 12 anos, e iso dáche unha alegría, unha forza, un dominio do trazo e unha espontaneidade total á hora de traballar. O da cor é innato, e podes velo cos rapaces -comprobeino nos trece anos que estiven de mestre-. Hai cativos de 5 ou 6 anos que lles das unhas ceras e son capaces de crear mesturas marabillosas e hai licenciados en Belas Artes que non o ven, son incapaces de facelo. E xa no que se refire á miña obra si que é algo que traballo moito. Non é que as miñas cores sexan distintas, como din algúns, é o que hai debaixo -que o espectador non ve pero o cerebro si que distingue- e o contraste e o xogo coas cores que hai arredor.

-Ten varias obras de músicos, ¿que papel xoga na súa obra?

-A pintura é música. É unha sinfonía na que tes que combinar os silenzos, os sons, os sentimentos. Sempre tiven moi boas cualidades para a música; con 11 anos xa me colleu no seminario Antonio Jausarás e metéume de tiple. Toquei a bandurra, a mandolina, o laúde e a guitarra, fun director de rondalla e estiven na clerecía de Salamanca, onde estudiei gregoriano. Cando chegou o momento de decidir optei pola pintura.

antón pulido pintor

«Estou moi ilusionado coa intervención en homenaxe a Paco Luis Bernárdez»

Anda Pulido atarefado na creación dunha praza en Vigo. É un pequeno espazo que está a deseñar na zona dos Peniches. Está certo que será unha intervención que conectará cos cidadáns.

-¿En que consiste o proxecto?

-Quero convertir ese pequeno recuncho nunha xoia. Vaise chamar a intervención A Praza da Aperta e vai ter bancos coa forma das letras que compoñen a palabra aperta, e serán redondos para favorecer o diálogo e a interacción entre as persoas que se acheguen á praza, e logo leva un mural grande -chega á altura dun segundo piso- no que estou traballando nestes momentos.

-Voltando á inauguración da mostra e lembrando a Alonso Montero. El sinalou os tres cadros que salvaría en caso de labarada ¿vostede con cales se quedaría?

-Con todos, até cos que destruín. Agora vexo fotos dalgunha das miñas obras desaparecidas e sinto mágoa por telo feito. Mais iso pásanos a todos os artistas: es un rapazote e non hai cartos para telas e pinturas, e pintas todo de branco un lenzo co que non estás satisfeito e comezas a facer outra obra. É común na historia da arte, sin ir máis lonxe aí están as diferentes obras que hai nos cadros de Van Gogh e que se acaban de descubrir grazas aos raios X.

-¿En que vai consistir a obra de homenaxe a Paco Luis Bernárdez para a Insua dos Poetas?

-Estou moi ilusionado con esa intervención. Vai ser unha escultura con cor. Haberá uns carballos delgados que suben e unha serie de ramificacións que crean un espazo interior e dentro levarán os meus coñecidos rechouchíos, elementos con moita cor -azul, vermello, amarelo- que de lonxe semellan paxaros, estrelas ou luces. Vai ser moi emotiva.