Historia e emoción en Allariz

M. r. v.

ALLARIZ

Santi M. Amil

A celebración, que se prolonga desde hoxe ata o día 18, cumpre o seu 700 aniversario

10 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Festa do Boi de Allariz comeza hoxe, como cada ano desde hai 700, coincidindo co Corpus. Son 700 anos de historia dunha festa que se converteu nunha das celebracións máis multitudinarias da provincia sen perder a conexión coa súa base histórica. Vellos, mozos e nenos comparten unha festa que resulta moi atractiva para o visitante polo ambiente e polas carreiras dos bois pero que os locais viven con verdadeira paixón. Os alaricanos participan nesta festa desde o principio ao final. Levan meses preparándose nos gremios e máis neste ano redondo de 700 aniversario no que está habendo actividades e conmemoracións de todo tipo desde hai varios meses.

No Foro Boi, celebrado no mes de abril, déronse algunhas claves históricas do pasado medieval de Allariz, época na que xurde esta festa. A poboación xudía que daquela, en 1317, habitaba nos extramuros da vila rebelábase contra os acosos dos cristiáns rebentando a procesión de Corpus. Ata que Xan de Arzúa, farto da situación, subiu a lombos dun boi e cargou contra os opositores con cornadas e formigas. A figura de Xan de Arzúa e ese acto que promoveu para salvar a procesión cristiá é o alicerce da actual Festa do Boi. Ata a Guerra Civil, segundo recolleu a Asociación Xan de Arzúa, que organiza a festa, saiu sempre o boi con motivo da procesión do corpus. Logo da guerra a festa esmoreceu e acabou por desaparecer. Rexurdiu en 1983 da man dun grupo de mozos e desde entón foi gañando en actos e en repercusión. Hoxe a festa é coñecida moito máis aló das fronteiras ourensás e alóngase durante dez días, do 10 ao 18 de xuño.

Moita xente aínda acode pola falsa chamada de ser unha especie de Sanfermines. Nada diso quere ser a Festa do Boi, na que o animal nin se sacrifica nin se tortura. É o protagonista da festa. E hoxe arranca a celebración coa chegada dos bois a San Salvador desde Penamá, onde son criados. Hai algún anos os bois chegaban de fora do municipio pero o pulo da festa axudou a desenvolver novas ideas apostando polos produtos locais. Hoxe os bois críanse extensivamente en Allariz para a festa e tamén para o consumo como carne de vacún de calidade.

En San Salvador comeza a festa cun xantar campestre, música e xogos tradicionais. Logo a xente acompaña andando aos bois ata Paicordeiro, onde se recrea o Trato do Boi, unha pequena peza teatral na que se lembra o acordo que se facía entre os veciños da vila e os das aldeas que prestaban os bois para a festa. Logo será o saúdo do corrixidor de honra deste ano, que entregará o sedeño co que se ata o boi. Ás 20.30 horas será a Proba do Boi, unha carreira especial na que saen todos os animais que chegan para esta edición da festa. No resto das carreiras só sae un boi cada vez.

Esta primeira fin de semana da festa é a que concentra os actos de interese histórico e os que máis chaman precisamente a poboación local. O domingo, dende as 12.00 horas, será a procesión medieval do Xan de Arzúa, con centos de persoas ataviadas ao estilo dos gremios daquela época, que conforman grupos por oficios e que desfilan alegremente ata que chega o desafío dos xudeus onde a igrexa de Santo Estevo. O enfrontamento que deu orixe a festa culmina cunha recreación teatral na que ámbolos dous bandos expoñen os seus pareceres e son aplaudidos ou asubiados polos seguidores. Logo vén a carreira do boi e o xantar medieval na Barreira.

Durante toda a semana haberá carreiras a mañá e a tarde ata culminar masivamente a vindeira fin de semana.