Celanova acolle o ciclo Cinemas de Galicia 2017 e Allariz entrará en setembro

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

Entre as películas que se ofrecen nesta edición figuran títulos de Oliver Laxe, Ignacio Vilar, Simone Saibene e Simón Casal

18 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Baixo a coordinación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comezará o vindeiro domingo o programa Cinemas de Galicia 2017, iniciativa que promove a Agadic (Axencia Galega de Industrias Culturais). O filme de animación francés Ballerina servirá para abrir a programación dunha proposta cultural que este ano se poderá disfrutar en sete concellos galegos que reúnen as condicións vencelladas ao proxecto -vilas ou pobos que se quedaron sen salas comerciais e que, deste xeito, poden acceder ás proxeccións no propio municipio-.

Nesta cuarta edición de Cinemas de Galicia só se contará cunha referencia dentro da provincia de Ourense: o Auditorio Ilduara de Celanova será a única pantalla desta nova tempada, logo de abandonar o proxecto o Concello do Carballiño.

De «Mimosas» a «Pelerinaxes»

En principio, segundo se anunciou dende a Consellería de Cultura, está previsto que ao longo deste mesmo ano se proceda a ampliar o circuíto de pantallas. Esta circunstancia materializarase en setembro, entrando Allariz e Cedeira na relación de concellos cos proxeccións de Cinemas de Galicia.

As Pontes, Cariño, Celanova, Foz, Ortigueira e O Grove son os municipios acollidos ao proxecto, que este ano ofrecerá unha oferta con catorce títulos, que inclúen -entre outros- Mimosas, de Oliver Laxe, Lobos sucios, de Simón Casal, Os días afogados, de César Souto e Luis Avilés, Pelerinaxes, de Simone Saibene, Sicixia, de Ignacio Vilar ou Toro, de Kike Maíllo. Barállanse outros trece filmes para ampliar a oferta a partir de setembro. Coa iniciativa Cinemas de Galicia Agadic busca «ofertarlles novas vías de distribución aos filmes galegos e, por outra banda, incrementar o número de pantallas cinematográficas na nosa comunidade».

Renuncia do Carballiño

Para iniciar o proxecto da Consellería de Cultura escolléronse varios concellos para desenvolver a primeira edición. Entre eles figuraba o do Carballiño, como representación da provincia de Ourense. A vila renunciou este ano a formar parte da cuarta entrega do ciclo logo do desencontro entre os responsábeis do Cineclube Carballiño e a concellería de Cultura carballiñesa en relación ao uso do auditorio e dos problemas que a programación municipal lle causou ao cineclube, que só poderá proxectar un dos venres do mes de maio.