A mostra antolóxica de José Suárez chega a Montevideo

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

ALLARIZ

xunta

O fotógrafo alaricano viviu varios anos en Uruguai e Arxentina

13 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

En novembro do pasado ano a Cidade da Cultura abría ao público un proxecto longamente agardado e desexado: a mostra antolóxica que reivindicaba a figura e a obra do fotógrafo José Suárez (Allariz, 1902 - A Guarda, 1974). Da man de Xosé Luis Suárez Canal -sobriño do fotógrafo alaricano- e de Manuel Sendón naceu a mostra José Suárez. Uns ollos vivos que pensan para reivindicar a un creador definido como «un dos referentes da historia da fotografía en Galicia e en España na primeira metade do século XX, un galego de Allariz que se exiliou tras o estalido da Guerra Civil e que viviu en Arxentina e Uruguai, dous países esenciais no seu periplo vital», como sinalou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na inauguración da exposición na Centro Cultural de España en Montevideo.

Logo de darse a coñecer ao público no Gaiás, o proxecto encetou unha xira por diferentes cidades e espazos vencellados ao artista ou que teñen unha especial relevancia á hora de reivindicar un legado como o de Suárez. Logo de pasar por Madrid e Arxentina, onde estivo no Instituto Cervantes e no Centro Cultural Borges de Buenos Aires, agora chega ao Uruguai, país que acolleu ao fotógrafo e onde desenvolveu importantes proxectos nos anos que pasou alí.

Na pescuda da casa

Manuel Sendón andivo na procura do rastro de Suárez aproveitando a estadía en Uruguai. Da casa do fotógrafo en Punta del Este non atopou vestixios, só os perpiaños da beirarrúa, e no Hotel Biarritz -onde se aloxou o alaricano- deu con tres fotos da serie Mariñeiros, das que chegaron a ter expostas oito.

Da man do Instituto Cervantes, a mostra viaxará no 2017 as cidades de Tokio e París.