A Festa do Boi multiplica a súa aposta pola historia e a cultura

M. p.

ALLARIZ

A procesión medieval infantil, dúas exposicións artísticas e o Venres das Bandeiras, novidades da edición 699 da festa de Allariz

21 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A Festa do Boi 2016 comeza hoxe en Allariz cunha aposta polas actividades culturais e de carácter histórico, que este ano acadan maior protagonismo, tanto en número como en variedade de contidos.

O simbólico acto de Entrega do Sedeño, que revive unha tradición secular, servirá esta tarde de punto de partida oficial para nove días de celebracións arredor da figura do boi, de Xan de Arzúa e dos xudeus do Allariz de 1317.

Como limiar, a asociación cultural Xan de Arzúa inaugurou onte dúas exposicións artísticas cun marcado carácter simbólico. Por unha banda, na Fundación Vicente Risco amósanse creacións elaboradas por alumnos de educación infantil e 3º de primaria do colexio Padre Feijoo. Son traballos feitos en colaboración coas súas familias, como un símbolo máis de implicación social coa tradición do boi.

Na Casa da Paneira, o traballo que se expón leva a sinatura de nove artistas de Allariz. En pintura e en escultura, ofrecen a súa visión creativa sobre a festa. Ambas mostras estarán abertas ao público ata o 19 de xuño.

Outra das novidades do 2016 escríbese tamén en clave cultural; é a procesión medieval infantil do Xanciño de Arzúa. Despois do espectáculo de monicreques que os centros de ensino da vila protagonizarán no Campo dos Brancos o próximo venres, celebrarase por primeira vez unha procesión medieval cos nenos como protagonistas. O boi infantil levará sobre o seu lombo a Xanciño de Arzúa e os acompañantes deberán acompañalo na súa marcha con vestimenta de época.

Para fomentar o coñecemento da historia da festa e de Allariz, a asociación Xan de Arzúa organizou este ano no colexio Padre Feijoo un obradoiro de traxes medievais para alumnos de segundo de primaria. Os rapaces, en colaboración cos mestres e monitores da asociación, participaron na confección duns sinxelos traxes e coñeceron detalles da vida social e dos costumes do Allariz do século XIV.

Foi unha das novidades do programa didáctico O Boi na escola, que supera xa as trece edicións. Nese mesmo ámbito, a asociación elaborou este ano un proxecto didáctico sobre a procesión medieval para traballar nas aulas de primaria e secundaria.

Os gremios e as bandeiras

A outra gran novidade histórica do programa deste ano, destacan dende a organización, é a Procesión das Bandeiras, que se celebrará o venres 27, a partir das 7 da tarde. A esa hora terá lugar un Encontro de gremios no castelo.

A corrixidora da procesión 2016, posto que este ano asume o gremio dos panadeiros, presidirá o acto de intercambio de bandeiras. A galega contemporánea que habitualmente colga no mastro da cima do castelo será arriada para o seu traslado ao balcón da Casa do Concello. No seu lugar colocarase outra bandeira co singular selo do Concello de Allariz no século XIV.

Na Fundación Risco exhíbese unha exposición de arte infantil