«O entroido de Trás-os -Montes mantén semellanza co ourensán»

ALLARIZ

António Pinelo Tiza xunto a algunhas das obras da mostra «Máscaras»
António Pinelo Tiza xunto a algunhas das obras da mostra «Máscaras» . santi m. amil< / span>

O investigador falou das mascaradas que se celebran no distriro de Bragança na Fundación Risco de Allariz

15 feb 2016 . Actualizado a las 16:38 h.

António Pinelo Tiza participou na inauguración da mostra «Máscaras», proxecto de Balbina Mendes e Carlos Ferreira que se pode ver na Fundación Vicente Risco de Allariz ata o 6 de marzo. Profesor e investigador, é membro da Academia Ibérica de la Máscara e está vencellado ao Museo Ibérico da Máscara e do Traje, de Bragança. É unha autoridade no que á máscara e o entroido trasmontano se refire e sobre iso impartiu unha conferencia na apertura da mostra.

-¿O entroido galego mantén a semellanza co entrudo portugués?

-Os entroidos gardan certa relación e manteñen características comúns en boa parte da simboloxía, actividades e outros aspectos. Aínda que en Trás-os-Montes, no noso caso no distrito de Bragança, temos dous ciclos ben diferenciados: por unha banda o ciclo entre Nadal e Reis -que é o que ten maior número de festas e mascaradas- e logo xa está o entroido. Este son cinco días, comeza co que aquí é o sábado, segue co Domingo Gordo e logo ata o mércores de cinza.

-¿Cales son as citas ás que se refire no ciclo de Nadal?

-Mascaradas hai en Nadal, Santo Estevo, San Xoán Evanxelista, Aninovo e Reis.

-¿E teñen personaxes ou máscaras diferentes por toda a provincia?

-Entre nós, no distrito de Bragança, o que se fan son mascaradas. Son festas onde hai varias persoas que portan máscaras. A tipoloxía é moi variada: nalgúns casos é só unha máscara, ou dous ou tres, e as mascaradas poden ser de vinte, trinta, cincoenta e ata mesmo de mil persoas. Iso é excepcional.

-¿Onde acontece esa mascarada?

-Faise en Vinhais o sábado -onte- e é a dos diaños. É un caso excepcional porque alí decidiron no seu día, para potenciar a festa, abrir a participación a todo o mundo que queira ir. Só con aparecer vestido de diaño xa podes integrarte na mascarada. Mais xa digo que é un caso singular, porque nas outras só poden formar parte da mesma os da propia localidade.

-¿No caso do entroido mantense a semellanza?

-Hai rituais diferentes pero moitos son comúns entre nós e aquí na provincia de Ourense. O visitar as casas, as grandes recepcións comunitarias, os elementos zoomórficos por riba do traxe ou integrados na propia máscara, o feito de entremeterse coas mulleres e bater con elas cos chocallos -as chocas- ou empregar as cintas de coiro son parte das características comúns. Hai diferenzas, por exemplo as máscaras de madeira, pero son máis as semellanzas.

-Vostedes tamén manteñen unha relación estreita coas festa que se fan en Zamora.

-Na provincia de Zamora o tempo das mascaradas é o mesmo, do 25 de decembro ao 6 de xaneiro, o cal non é de estrañar. Somos o mesmo pobo e a orixe das festas é anterior á creación da nacionalidade portuguesa.