Blanco Amor e José Suárez

Xosé M. Rodríguez

ALLARIZ

25 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Por veces as homenaxes chegan fóra do seu tempo. Unha mágoa, aínda que madía leva cando así é, xa que non son poucos os casos nos que os recoñecementos nunca chegarán.

Na historia recente ourensá dúas das figuras que non viron recoñecido como se merecía o seu traballo en vida foron Eduardo Blanco Amor e José Suárez. Os dous voltaron ao Ourense que turraba polas súas lembranzas e na cidade contaron con amigos que os axudaron e que mesmo estiveron ao seu carón nas etapas difíciles. O escritor e xornalista non chegou a tempo para ver como «A Esmorga» era obxecto unánime de eloxio por parte da cultura galega e como se convertía na obra máis considerada da historia da literatura galega. Tampouco a ser quen de ver a súa novela nunha adaptación cinematográfica en galego -rexeitou no seu día a proposta de Lozano e recoñeceu logo o erro que cometeu ao darlle permiso a Gonzalo Suárez para facer a alloada de Parranda- e que a mesma fose recoñecida polo público. Que agora os rapaces percorran o roteiro da súa obra ou unha fundación mire polo seu legado sería unha boa nova para EBA.

José Suárez chegou ao Gaiás no acto de xustiza que está a conseguir que moitos viren a ollada para onde a tiñan que ter hai anos, dando daquela o apoio e o pulo que a súa obra e a súa traxectoria profesional merecían. Mais non é tempo de laiarse. Agora o que queda é agardar a materialización do proxecto da súa fundación en Allariz para que o fotógrafo non volte á zona de sombra.