Allariz e Celanova serán as novas incorporacións ourensás ao proxecto «Cinemas de Galicia»

La Voz

ALLARIZ

21 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da man de Agadic, puxo en marcha a finais do 2014 unha experiencia chamada Cinemas de Galicia. A iniciativa tiña un claro obxectivo, que non era outro que o de levar o cine a vilas que hai tempo perderon as salas estables para que a oferta audiovisual chegase de novo a un amplo sector de poboación de Galicia que non conta cunha pantalla próxima. Naquela altura foron catro os concellos que acolleron o programa, un por provincia, e no 2016 serán dez as vilas galegas ás que chegará a oferta. No caso de Ourense as novas incorporacións serán Allariz e Celanova.

A programación de Cinemas de Galicia para a tempada 2016 foi presentada onte no marco do Festival de Cine Internacional de Ourense nun acto no que participaron Jacobo Sutil e Miguel Anxo Fernández, pola Consellería de Cultura, e Juan de Dios Serrano, da produtora Agallas Films.

Aínda que o catálogo coas novas películas deste ciclo está en fase de elaboración, dende Agadic avanzouse que dúas das cintas serán obras que se amosaron estes días no OUFF: a película de animación Meigallos, de Virginia Curiá, e Os días afogados, documental de César Souto e Luis Avilés Barquero.

Jacobo Sutil salientou a colaboración entre a Xunta e os concellos para que o ciclo poda achegar o cine galego ás vilas.