Poñendo etiquetas

ALLARIZ

10 nov 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Empezando por que as festas de Corpus xa non son en Corpus e que os Magostos son en San Martiño por decreto celestial -coñecida é esa teima da Igrexa de santificalo todo-, tampouco parece tan grave que o non-Corpus sexa nos Magostos. Ao final, todo é cuestión de etiquetas. ¿Que chamándolle Semana Grande aos Magostos se vende máis carne maldita pola OMS? Pois adiante. O malo é se un ano non podemos erguer ese argumento tan científico do verán de San Martiño. Pero tampouco pasa nada; decreto da alcaldía anti nubes e listo! Tamén está a opción de ter unha Semana Grande cada mes. Ou esa tan orixinal de mirar a quen o fai ben e, sen cambiar nin a data nin o clima, converten o seu Corpus nunha caixa rexistradora. Ocórreseme Redondela. Ou Allariz. Pensádoo ben, igual con historia e xestión é suficiente.