A Festa do Boi de Allariz recupera a celebración do mercado medieval

M. R. V.

ALLARIZ

Miguel Villar

Comezan mañá oito días intensos cunha primeira fin de semana marcada pola recreación histórica da festa 

29 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Aí vén xa o Boi. Allariz leva tempo preparando a súa festa máis multitudinaria e participativa, a Festa do Boi, que arranca esta fin de semana e se prolongará ata o domingo 7 de xuño. Un programa que é moito máis que carreiras e que esta fin de semana destaca pola recreación da orixe da celebración, que no 2017 cumprirá 700 anos de historia.

Mañá, o primeiro día, será xa unha xornada importante, coa chegada dos bois desde Penamá a San Salvador, onde haberá unha comida campestre. Contra as seis da tarde, farase a recreación do Trato do Boi, en Paicordeiro, e baixarán aos bois ao campo da Barreira. Unha hora despois, a correxedora de honra, que este ano será Maite Alamino -quen fora a primeira muller en presidir a asociación cultural Xan de Arzúa, que organiza a festa -saudará e fará entrega do sedeño. A correxedora daralle a corda ao fiscal medieval, a autoridade que historicamente era quen permitía a celebración.

O acto de entrega do sedeño será presentado polo alaricano Xosé Manuel Piñeiro e marcará o inicio das carreiras. Nesta primeira xornada probaranse todos os bois que durante a semana serán os protagonistas das diferentes carreiras.

Recuperación

A conmemoración da parte histórica da festa ten o domingo como o seu día grande, o Día de Xan de Arzúa. Una xornada na que ademais haberá novidades como a recuperación do mercado medieval, no que os membros dos gremios e os visitantes poderán adquirir produtos alimentarios naturais e artesáns feitos a man. O mercado instalarase na rúa Puga Brau, no antigo foxo da muralla.

Este mercado xa se celebrara hai algúns anos. A asociación cultural Xan de Arzúa quere amosar coa súa recuperación a aposta que fai polos produtos locais de calidade. Segundo a asociación será un mercado actual, con produtores actuais e no que se poderá ver o traballo de ourives, ceramistas, fabricantes de cervexa ou queixo. No espazo para os produtos alimentarios tómase a referencia dos produtores que acoden ao mercado sabatino da Reserva da Biosfera.

O mercado estará aberto durante a mañá do domingo, cando se celebra a procesión medieval do Xan de Arzúa e continuará durante o mediodía e o serán ao pé do campo da Barreira.

A procesión de Xan de Arzúa recrea o inicio da festa na que se escorrenta aos xudeus. FOTO

A procesión de Xan de Arzúa é a orixe do festexo

Este domingo ao mediodía celebrarase a procesión medieval do Xan de Arzúa, na que os veciños de Allariz, agrupados en gremios, desfilan polas rúas e participan na teatralización da orixe da festa. Recréase como Xan de Arzúa, un fidalgo cristiá, acabou coas burlas que os xudeus que vivían extramuros facían da procesión do Corpus. Aquilo sucedeu en 1317 e ata o comezo da Guerra Civil en 1936, Allariz celebrou ese momento histórico sacando o boi polo Corpus. A festa esmoreceu ata que, no 1983, uns mozos a recuperaron. Dende aquela converteuse nunha das festas máis divertidas e con máis tirón popular da provincia e mesmo de Galicia.

Logo da procesión, será a carreira medieval do boi dende o campo da Barreira, onde correrán os alaricanos vestidos ao xeito medieval e logo terán un xantar no mesmo campo. Os gremios actuarán pola tarde, con bailes, trobadores e concursos de sobremesas, nas que este ano será a castaña o ingrediente principal para elaborar os doces.