«O noso é un modelo rigoroso e asentado nunha estratexia de moitos anos»

ALLARIZ

Santi M. Amil

Logo de quince anos como alcalde, o nacionalista Francisco García preséntase á súa derradeira reelección apostando pola consolidación económica de Allariz

20 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Francisco García foi alcalde de Allariz nos últimos quince anos. Di que se sinte orgulloso do labor feito polo seu equipo.

-Dixo que sería a última vez que se presentaba. Se gaña, ¿manterase no cargo durante os catro anos de mandato?

-Agora o que estamos é preocupados en explicar as propostas, en facer un traballo cos veciños para poñer en valor os logros acadados en Allariz, coa perspectiva de cumprilas no eido da dinamización económica e de manter a calidade da vida e servizos. A idea é estar á fronte do alcaldía todo o mandato aínda que non me volverei presentar.

-¿Que cree que reclaman os veciños de Allariz neste momento?

-Todo o mundo ten a preocupación lóxica polas políticas do Goberno e da Xunta que contribúen a incrementar a crise. Hai coincidencia nos obxectivos que o BNG se ten marcado: poñer en valor os recursos, desenvolvemento local, xeración de emprego e actividade productiva. A dinamización do medio rural non é tanto un problema de equipamentos senón das políticas que propiciaron o abandono agrario, forestal e gandeiro. Nós apoiamos a produción de cervexa, de castaña ou de carne de boi. Tamén o Mercado da Biosfera. Apostando polos oulet, a calidade hostaleira ou as parcelas industriais en Chorente fomos paliando a crise e medrou a poboación.

-Os proxectos do BNG ¿coida que están vivos ou sofren risco de estancamento?

-O modelo de Allariz está consolidado. O PP dixo que estaba construído con pés de barro e non era sostible este nivel de servizos. Hoxe gozamos de equipamentos que serviron de modelo. Concellos de 20.000 habitantes non teñen cidade deportiva, piscina climatizada ou fogar dos maiores como ten Allariz. Temos números impresionantes no Festival de Xardíns, unha hostalería en concesións municipais singulares, a política de eventos... O noso é un modelo rigoroso e asentado nunha estratexia de moitos anos.

-¿Que asunto sería o primeiro en despachar polo futuro de Allariz se toma posesión como alcalde?

-A política de consolidación económica. Hai que seguir facendo do parque de Chorente un elemento de diversificación económica. Nos orzamentos do 2015 hai eventos como as xornadas de carne de boi, un revulsivo en temporada baixa. Logo das votacións hai que contribuír a un bo resultado da Festa do Boi, que é importante para atraer visitantes. No medio rural faltan mellores comunicacións, pero sobre todo actividade económica, polo que seguiremos apoiando a produción de castaña e de horta.

francisco garcía alcalde e candidato do Bng