«A maioría dos que fan o Camiño de Inverno son estranxeiros»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO / LA VOZ

A RÚA

LOLITA VÁZQUEZ

Arias di que bota en falta a implicación do sector da hostelería nunha ruta que é un pulo para a comarca

23 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai uns días, Asunción Arias acudía contenta ao acto de presentación das mouteiras de lousa que marcan a ruta do Camiño de Inverno ao seu paso por Valdeorras. Estaba fachendosa a presidenta de Amigos do Camiño, aínda que mandaba aviso: van seguir sendo a voz dos peregrinos, demandando melloras. A oficialización da ruta e a sinalización son os primeiros pasos, pero queda moito por andar.

-Valdeorras xa está marcado. E nun mes estará toda a ruta...

-Na Rúa falta poñer unha mouteira máis, cerca do cruce de Barreais, porque hai unha encrucillada e a xente non sabe por onde seguir. Desde a asociación resolvémolo cun pau e unha madeira de frecha amarela, porque senón pódese perder totalmente un peregrino e ir para ningures, que aí hai moitas viñas.

-¿Pérdense moitos peregrinos?

-¡Xa teño ido buscar moitos! Algúns van para Córgomo, outros pérdense por Bendilló [en Quiroga], que hai unha sinalización que convida a equívoco, e algún acabou no monte.

-¿Solucionado o problema agora?

-Eu coido que si, se poñen a mouteira que falta na Rúa. O que hai que solucionar é o tema do pequeno tramo que hai desde Vilamartín á Rúa vella. Son 600 metros que hai que resolver porque por onde se pode meter o peregrino é o ancho da pintura branca que nos di aos coches... Como veña un só aínda pode capealo se vén un coche de fronte, pero se vai un grupo....

-¿Como se salva?

-Estamos traballando cos concellos e coas persoas que investigan o Camiño, para mirar que alternativas hai. Non hai necesidade a poñer en perigo ou de esperar a que un peregrino sexa levado por diante para resolver o problema.

-O Camiño de Inverno en Valdeorras vai sinalizado en lousa. ¿Sorprende aos peregrinos?

-Poñelas de lousa foi unha xestión de moito tempo. Os alcaldes pediron que se usara polas peculiaridades de Valdeorras en lugar do granito habitual. E finalmente a Xunta aceptou. Os peregrinos dinnos que lles gustan moito. Non o ven como algo estraño, senón que forma parte do camiño a nivel incluso estético. Expresan que lles chama moito a atención en positivo.

-¿Notouse a oficialización do Camiño en canto á chegada de peregrinos se refire?

-Si que se notou, sobre todo nesta Semana Santa. Multiplicouse. Todos os días había peregrinos, cousa que non é habitual neste camiño. Antes era salteado. Ademais, as chamadas para pedir información son constantes.

-Avisou que seguirían pedindo cousas e falou de infraestruturas. ¿Que falta?

-En cada cabeza de concello faltan albergues xestionados polo público. E ademais, hai un tramo sumamente longo, da Rúa de Valdeorras a Quiroga, de cerca de 28 quilómetros, no que tampouco hai. E despois de Quiroga ata que enlazas con Lalín non hai albergues. Nunha idade grande como Monforte, non se entende que non haxa. Os peregrinos teñen que ir ou ben a hoteis, pensións ou hostais; que ofrecen descontos para os que ensinan as credencias, por un traballo que facemos desde as asociacións.

-Na Rúa está feita a obra...

-Falta dotalo. A ver se a final do ano ou para o próximo, a alcaldesa díxome que aínda non sabe. Faltan as duchas, os mobles, as liteiras, a cociña... Fíxose a obra, pero aínda falta. Eu, de todas maneiras, como son un pouco pesada (ri), vou seguir insistindo para que ese pulo que se iniciou non caia en saco roto.

-¿De onde veñen os camiñantes?

-A maioría dos que pasan por aquí son estranxeiros. Sobre todo de Alemaña, pero tamén de Australia, Italia, Francia e, ultimamente, Portugal. Tamén, e cousa que me estraña polo lonxe, moito de Canadá e Estados Unidos.

-¿Por que?

-Parece ser que tanto en Canadá como en Estados Unidos hai moitas asociacións do Camiño de Santiago. Tamén funciona moi ben a asociación que hai en Inglaterra; veñen todos os anos.

-¿O Camiño pode ser un pulo para a comarca?

-Tal e como vai o ritmo, aumentando cada ano, si. Coido que se realmente os valdeorreses que teñen negocios foran conscientes da potencialidade tan grande que ten o Camiño, arestora estaría a nosa asociación recibindo chamadas de pensións, hoteis, restauración... Botamos en falta a implicación do sector, porque fóra do que nós motivamos a que fagan selos os dos negocios para as compostelas... pouco. E as estatísticas que facemos dinnos que a xente reparte os cartos, porque hai xente que non quere estar en albergue, quere pagar por estar cómodo e vai a sitios caros.

-Ás veces parece que o Camiño non é moi coñecido entre os propios valdeorreses. ¿Sínteo así?

-A poboación estase interesando cada vez máis, e tamén implicándose. Pero aínda falta e seguiremos difundindo o Camiño.