O escritor Alfredo Conde novelará a vida do crego Benigno Moure

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

A ARNOIA

Santi M. Amil

O autor leva dende xaneiro co proxecto sobre o creador da Fundación San Rosendo

26 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación San Rosendo anda estes días de celebracións. No hotel balneario da Arnoia organizouse o xoves un xantar no que participaron persoas vencelladas á institución, autoridades, representantes institucionais e convidados para conmemorar o cuarto de século do proxecto promovido polo crego Benigno Moure. E precisamente noutro balneario de Caldaria, en Laias, está aloxado dende xaneiro o escritor Alfredo Conde para traballar sobre unha historia vencellada a todo o anterior. O autor alaricano está escribindo unha obra na que o protagonista é o propio Benigno Moure. Aínda que dende algunhas fontes se aludiu ao feito de que o escritor tería o encargo de escribir a biografía do sacerdote ourensán por conta da fundación, o multipremiado autor matiza que non é esa a orientación do seu traballo.

«Levo aquí pechado dende xaneiro, aínda que non é para facer unha biografía. Estou novelando a biografía e é importante incidir niso porque ten un certo matiz diferenciador. Non se trata de relatar uns feitos biográficos, esa é unha enumeración de sucesos e aí pouco podo aportar, senón que o meu traballo se centra en novelar a peripecia existencial do crego», segundo indicou onte o escritor. Conde traballa en Laias e compaxina a escritura con viaxes a Ourense e a outros puntos «para falar cos amigos, e tamén con inimigos, de Benigno Moure e ir recollendo datos para realizar o meu traballo. É un proxecto que me ten moi ocupado, de feito nos meses que levo aquí nin fun quen de sacar tempo para ir ao balneario ou ás masaxes. Na actualidade levo 118 folios escritos no ordenador».

Os precedentes de Sargadelos e Romasanrta e o traballo con feitos históricos

Na ampla traxectoria profesional de Conde figuran importantes premios -Nadal, Nacional de Literatura, Blanco Amor e Fernández Latorre, entre outros- e un bo número de títulos. Nos mesmos inclúense algunhas achegas cunha importante presenza dos feitos históricos, como pode ser o caso de Azul cobalto -sobre o marqués de Sargadelos- ou Romasanta. Memorias incertas do home lobo. Conde lembra que barallou a documentación do sumario no caso do alaricano e que para o marqués de Sargadelos tivo que xuntar moita documentación histórica «simplemente para ter a base para contar uns feitos de forma novelada para que, como dixo o profesor Xosé Ramón Barreiro, o 95 % do texto fose ‘rigorosamente histórico’».

Recoñece o escritor que cando hai tres meses chegou a Laias empezou co proxecto «sen saber palabra de Benigno Moure». A súa previsión pasa por entregar a obra á editorial en xuño.