«Moléstame que se poida pensar que se me aparta por ir en contra da lei»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE

A ARNOIA

Martínez, onte no seu despacho, que abandonou minutos despois tralo seu cese.
Martínez, onte no seu despacho, que abandonou minutos despois tralo seu cese. miguel villar< / span>

«Dábanme quince días e aguantei os sete anos», presume Martínez tralo cese

10 oct 2015 . Actualizado a las 12:38 h.

Aínda que el asegura que o presidente díxolle que o motivo era unha busca de «renovación», o cese de Rogelio Martínez González (Arnoia, 1956) tense relacionado co proceso xudicial no que está inmerso por un presunto fraude de fondos comunitarios a finais dos anos noventa, cando aínda era alcalde. Ese litixio xa existía cando foi nomeado, pero resistiu no cargo desde entón. É o único delegado territorial da Xunta que leva no posto ininterrompidamente desde o ano 2009. «Eu era o delegado breve para algúns, que me daban quince días naquel momento e aguantei os sete anos. E o fixen moi cómodo. Tiven a plena confianza tanto do presidente como dos conselleiros, pero tiña claro e moi asimilado que isto chega cando ten que chegar, en calquera momento, cando o presidente o considera», di.

-Se podía chegar en calquera momento, ¿por que neste? ¿Esperábao?

-Non, pero de algunha maneira xa o tiña bastante asimilado. Eu levo moito tempo tamén cunha espada aí enriba e agora mesmo pois ao mellor é cando menos xustificación de cara ao problema xudicial hai porque acábanse de retirar precisamente os denunciantes e séguese mantendo a causa coa non acusación do Ministerio Fiscal e, por tanto, o meu asunto xudicial é un esperpento. Pero independentemente de que houbera este asunto ou deixara de haber, teño claro que todos temos unha etapa.

-¿Pensa entón que non tivo nada que ver na decisión de Feijoo?

-Non, non o considero polo que acabo de dicir, porque precisamente está desactivado neste momento. Creo que non, pero iso non son eu quen o ten que dicir. O presidente en ningún momento da súa conversa me dixo que era motivado por iso, senón porque quería unha renovación.

-Sen embargo, prescinde de vostede ao tempo que de Bravo Bosch en Vigo, tamén imputada.

-Xa, ao mellor ao ir no mesmo paquete se pode considerar que é polos mesmos motivos e eu tampouco sei cales son os motivos de Bravo Bosch. Si sei o que está pasando, pero non tiven nin oportunidade de falar con ela da súa situación e do que ela considera que hai de certo nesas posibles acusacións.

-¿Moléstalle que o metan nese mesmo «paquete», como di?

-Moléstame que se poida pensar que se me aparta de aquí por ir en contra da lei porque estou convencido de que non é así.

-¿Pensa que a súa situación é diferente á de Bravo Bosch?

-É que eu non sei cal é a de Bravo Bosch. Sei que a miña está totalmente desactivada e que levamos dez anos cunha instrución que, canto máis avanza, máis se ve que non ten ningún sentido continuar co procedemento e que, precisamente, os que denunciaron no seu momento, que era o BNG, se retiran da acusación. Desde logo se se retiran e porque creen que a cousa non ten demasiado futuro. Desde o primeiro momento varios fiscais e xuíces entenderon que non había motivo para continuar e independentemente de que teña que ir a xuízo algún día, non hai caso.

-Resistindo como levaba desde o principio, ¿non preferiría ter rematado a lexislatura?

-Bueno, eu penso que o tempo no cargo non vén dado pola lexislatura, vén dado porque alguén te nomea sen ter que explicar ningún motivo e alguén te cesa sen ter que explicar ningún motivo. E xa digo, estou moi satisfeito do que eu fixen e cónstame que teñen un moi bo concepto de min todos os conselleiros e o propio presidente, porque así mo dixo. Pero, iso, o que toca, toca.

«Creo que podo axudar en calquera outro posto de xestión ou incluso de parlamentario»

Martínez deixou onte o seu despacho da Delegación Territorial e pedirá a súa volta o seu posto de traballo en Abanca, que deixou no ano 1991. Aínda así, non descarta volver á política activa, pero nunca como alcalde de Arnoia. «Creo que podo axudar en calquera outro posto de xestión ou incluso de parlamentario», di. Da súa experiencia como delegado destaca a reorganización administrativa aplicada. «Doulle moito valor a ter sido capaces de unificar a labor do goberno galego na provincia para que non houbera pequenos reinos de taifas como houbo nalgunha ocasión», explica.

-O posto de delegado levaba aparellado ser o referente de Feijoo, do PPdeG, na provincia. ¿Vai notar a falta dunha figura así o presidente?

-Eu entendo que Feijoo seguirá tendo un referente no seu delegado da Xunta en Ourense, que será unha política que vai desde logo a seguir as instrucións de Feijoo e facer a súa labor, que é facerlle chegar a Santiago as necesidades da provincia e intentar na provincia facer a política marcada desde a Xunta.

-¿Pensa que o nomeamento de Marisol Díaz Mouteira é unha concesión ao liderado provincial de José Manuel Baltar?

-Eu penso que iso está superado. Pero moi superado, eh. Desde logo, Marisol o que foi é totalmente leal ao conselleiro de Educación no seu momento como a este delegado e, de feito, despois estivo tamén de xefa territorial de Presidencia e de secretaria da Delegación. E, por tanto, é porque contaba desde logo coa confianza deste delegado.