«Souvenir Sueborum»

Marcos Guimarey ARGUMENTARIO

OURENSE

22 abr 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

Algúns só se lembran do pai cando hai subvención para atopalo», Rafael Hernando, e bendita subvención. Estamos a tres semanas para pechar a que foi a grande exposición da Deputación de Ourense, O tempo dos Suebos na Gallaecia (411-585). Agora que a unidade do Reino de España está a ser cuestionada, ser o primeiro dos reinos europeos tras o imperio romano, enchería a un dunha fachenda que non colle no rostro. É de agradecer todo o empeño que puxo a Deputación en xuntar as pezas para facer unha exposición completa. Entre os tres espazos, o de Santa María Nai é o máis acaído, no segundo e terceiro corpo da fachada aínda quedan unhas columnas dobres do alto medievo, non se concreta se visigodas ou suevas, mais si, labradas en pedra de gran de Burela. A pegada dos suevos aínda está vixente, foron eles quenes organizaron o territorio, en parroquias. Para ir levando ao rego aos galaico-romanos, sincréticos e heréticos usaron o cristianismo. Foi San Martiño de Dumio, quen concilio a concilio, deixa atrás a Prisciliano e Arrio, e mentres as elites suevas se mesturaban coas romanas, bispos e cregos, donos da palabra e do sermón, organizaban o seu paraíso terreal. Dende aquelas ata hoxe.

Pero con todo este pasado único e identitario, Galicia ten unha maior porcentaxe de ADN africano. O estudo de xenética do equipo liderado por Ángel Carracedo así o confirma. Nós, que puidemos ser máis louros que os fineses. A nosa hospitalidade cos expulsados por Felipe III ou as portas abertas da lusitania, déixannos no que somos, uns morenos que acollen a todos.

Aproveiten e desfruten da exposición. Quenes cruzaron o Danubio, chegaron á terra dos mil ríos, artellaron o país, e fixérono tan ben, que aínda quedan as faíscas do seu traballo. É memoria histórica.

A entrada é libre, non é gratis; logo se hai subvención por buscar aos parentes do alto medievo, como ben dixo o señor Hernando, ben estaría que alomenos as vendas dos souvenir Sueborum acabaran nas contas das asociacións que aínda buscan a nosa memoria recente en foxos.