«PSOE e BNG non somos o mesmo, pero buscamos puntos de encontro»

Miguel Ascón Belver
miguel ascón OURENSE / LA VOZ

OURENSE

MIGUEL VILLAR

O novo centro de saúde e un enlace á Nacional 120 son as grandes prioridades do novo rexedor valdeorrés

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi alcalde en dúas ocasións. Tanto no 2009 como agora, o seu partido, o PSOE, chegou a un pacto bipartito para tomar o mando no ecuador do mandato. Luis Fernández (A Rúa, 1957) di que agora ten máis experiencia para afrontar os retos que supón dirixir o Concello valdeorrés.

-¿Ten, pois, máis ilusión nesta nova etapa?

-Por suposto que si, para min supón un novo reto, un reto que xa tomara no seu momento, no ano 2009, pero agora a verdade é que con máis ilusión e con máis ganas. Xa tes un pouco máis de experiencia e sabes un pouquiño mellor como sacar adiante as cousas.

-¿Deixou alto o listón a xa exalcaldesa María Albert?

-Si, María é unha muller que é traballadora e traballamos moi ben xuntos durante estes dous anos. Desde logo intentaremos seguir por ese camiño.

-¿Hai algo que non fixera de todo ben e que vostede queira mellorar?

-A verdade é que nós sempre procuramos chegar a puntos de acordo entre os dous. Hai diferenzas, loxicamente; PSOE e BNG non somos o mesmo, pero buscamos puntos de encontro. Todos os proxectos saíron consensuados e non teño ningunha queixa.

-¿Seguirá sendo así con vostede como alcalde?

-É a liña de traballo que vimos exercendo e eu entendo que ten que seguir así porque nós somos un grupo de traballo independentemente de quen estea ao fronte dese grupo e os demais temos o compromiso de axudarlle e sacar adiante as propostas que se plantexen. Vímolo facendo ata agora e espero que siga sendo así.

-¿Foi a convivencia máis sinxela con Albert que con José Vicente Solarat, ao que lle dera vostede o relevo naquel 2009?

-Non, son gobernos similares e, despois, tamén distintos. Quero dicir que, en canto ao traballo, en canto a ganas de sacar adiante as cousas, son etapas parecidas. O que pasa é que cada un ten a súa impronta, a súa forma de ser, e esa é a diferenza.

-Na súa despedida, a exalcaldesa falou de dous grandes retos pendentes e un deles tiña que ver cun Concello que agora está «hipertrofiado», dicía. ¿Comparte esa opinión?

-Si comparto a opinión dela de que temos que intentar sacar adiante unha RPT para darlle máis axilidade e unha nova dimensión ao Concello.

-Pero unha RPT nova non solucionaría ese suposto exceso de persoal. ¿Prevese reducir dalgún xeito o número de traballadores?

-Non, non. Baixo ningún concepto. De feito en determinadas áreas estamos faltos de persoal. Trátase de ver onde necesitamos ao persoal. Ao mellor en Obras necesitamos máis persoal e noutros departamentos o persoal non é tan necesario. Trátase sinxelamente de adecuar as necesidades que están xurdindo hoxe en día.

-O outro reto do que falou Albert é o da escaseza de auga para o abastecemento. Ese é o seu primeiro marrón como alcalde, ¿non si?

-Efectivamente, máis que un reto é un problema. Atopámonos este ano con el debido a este inverno tan seco que tivemos. Xa o estamos abordando en previsión de que non teñamos que tomar medidas moito máis drásticas en meses sucesivos.

-¿Dará tempo a executar a nova captación proxectada antes de chegar aos cortes de auga?

-Estamos facendo todos os esforzos para chegar a tempo. Como che digo, xa levamos días facendo as solicitudes correspondentes e facendo os informes técnicos correspondentes porque o problema vaise agravar moito máis nos meses de xullo e agosto. Ademais de que as temperaturas poden seguir igual ou subir, nós neses meses recibimos a moita xente no pobo.

-Ademais dos retos fixados pola alcaldesa saínte, ¿cales ten vostede como prioritarios?

-Hai un abanico de proxectos que temos aí que veñen xa desde o momento en que firmamos o pacto porque foi cun plantexamento a catro anos. Os dous máis inmediatos que intentaremos sacar adiante a partir de agora son un novo centro de saúde e tamén o enlace coa N-120. Levamos falando do centro de saúde xa moitos anos e creo que é o momento de abórdalo dunha maneira definitiva a ver se somos capaces de sacalo adiante.