Catastrazo

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

23 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Andan agora moitos ourensáns cabreados porque lles están chegando as cartas do mal chamado catastrazo no que se recolle todo o que teñen que pagar. O deste ano e ata catro anteriores. Un lote, nalgúns casos. Dando por certo que pode ser así, un feixe de cartos; o que non é menos certo é que toda esa xente o que estaba facendo era defraudar, a Facenda e a todos nós. E esa xente que a saber a de anos que levaba sen pagar o imposto de bens inmobles que pagan moitos outros veciños anualmente e sen demora, aínda ten o valor de indignarse. Un atraco din. Haberá a quen lle veña moi mal pagar de golpe cifras que poden superar os 1.000 euros. Pero non é menos certo que esa persoa ten unha propiedade da que se ten esquecido fiscalmente. Probablemente un feixe aínda maior o aforrado que o que vai ter que pagar agora. E xa o di aquí ao lado (se le isto en Internet, busque a entrevista, que non ten desperdicio) Roberto Bustillo: «En una sociedad donde la trampa están tan arraigada es muy difícil que no haya políticos corruptos. Un político corrupto es el que hace trampa para conseguir un beneficio, pero también la hace un alumno que copia en un examen o quien paga sin factura para ahorrarse el IVA». ¡Toma frase! Pois si, seguramente moitos deses que critican aos políticos polo que fan e polo que rouban e polo demais (e o ben que senta ás veces) son despois os mesmos que non pagan os impostos... Ao final o que vimos a dicir é que se non roubamos máis, é porque non podemos. E así mal nos pinta para conseguir deixar de ser unha sociedade na que nos gabamos de eludir impostos e criticamos cando nos collen. O da viga no ollo.