«Ofrecemos un ensino musical diferente»

x. m. r.

OURENSE

MIGUEL VILLAR

MaskeMúsika ofrece un concerto para a presentación das súas agrupacións

24 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

No Espazo Lusquiños ofrece esta tarde (20.30 horas) o centro de formación MaskeMúsika -ubicado na rúa Calpurnia Abana- o seu concerto de alumnos e de presentación das agrupacións musicais. Miguel Grande é o responsábel do proxecto.

-Dende cando ten actividade MaskeMúsika?

-Este é o noso terceiro curso dende que está en marcha o centro de formación.

-Como naceu o proxecto?

-Levaba dende os 17 anos dando clases en diferentes escolas e vencellado a agrupacións musicais, bandas, corais e outras formacións. E daquela decidín desenvolver a miña propia iniciativa e sacar a escola adiante.

-Que ofrece MaskeMúsika?

-Impartimos clases de calquera instrumento e para todas as idades. Dende o que ten máis demanda -guitarra e piano; acordeón no caso da xente de máis idade- a calquera outro instrumento ou especialidades, tanto en instrumentos como en canto. Ofrecemos un ensino musical diferente e fuximos do modelo de dar unha clase, marchar e volver outro día ou para a semana.

-A que se refire?

-A xente asiste ás súas clases e logo pode facer uso dos espazos que temos para estudar, para tocar ou formar grupos con outros compañeiros ou para desenvolver outros proxectos. E tamén incidimos na formación complementaria. É dicir, se estás en guitarra vas aprender nocións de batería ou outra especialidade para que se algún día tocas con outros compañeiros coñezas a linguaxe deses instrumentos.

-Referiuse antes ao canto.

-Como no caso da música podes vir a clases por especialidades: canto coral, cantos de taberna, regueifas e outras propostas.