Migallas

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

07 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

No que vai de ano, gastouse no AVE a Ourense un 3 % do presupostado. ¡Un 3%! En calquera empresa privada, un traballador que rendese desa maneira pouco tempo había durar. Pero nas cousas do carto público non. Haberá máis dun que será quen de xustificalo, e terá a cara de defender que os de Madrid pensan moito na provincia. ¿De que nos sirve que cada ano se presenten grandes números para a provincia -grandes dentro das migallas que sempre veñen para Ourense- se despois quedan como un papel mollado que sirve para pouco máis que este mesmo mañá? Os orzamentos pouco máis son que papel vello que vale para envolver peixe. Pero claro, ¿como imos crer no AVE se despois vemos que en Valdeorras as persoas en cadeira de rodas non poden subir ao tren? En pleno 2016, que parecía que xa case íamos movernos en coches voadores e nos que gastamos cartos a feixe para tratar de ir a Marte, hai xente coma ti e coma min, pero que se move en cadeira de rodas, que non pode facer algo tan común como coller un tren. Queixáronse a Adif e conseguiron que adaptaran o edificio. ¡Que menos! Agora collen pola porta e mesmo poden ir ao baño. Xa despois, como moito a visita á estación é de turista, para dar unha volta... e de novo para fóra, porque non poden subir a un tren. Renfe non atende as peticións dunha plataforma elevadora. Que igual é cara. Non semella que sexa tanto como o que supón para os veciños da comarca de Valdeorras, o ostracismo en tren nunha zona na que moverse en transporte público é case de risa pola pouca oferta que hai. Para as persoas que van en cadeira de rodas, ningunha.