Cando o latín é cousa de familia

mar gil OURENSE / LA VOZ

OURENSE

antonio cortés

Varias xeracións de docentes Saco deixan a súa pegada no instituto Otero Pedrayo

22 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Non é doado desenlear o novelo da saga dos Saco. Latinistas todos e vinculados ao instituto Otero Pedrayo, a interrelación xeracional e a liña sucesoria de avós, tíos e fillos convértese nun pequeno quebracabezas que remata nunha conclusión: Aquí, o latín é cousa de familia.

Boa mostra son Juan Luis Saco Cid (Ourense, 1938) e os seus fillos Juan Antonio (Ourense, 1968) e María José Saco Rivera (Ourense, 1964). Os tres foron alumnos do instituto do Posío. O primeiro foi, ademais, profesor de latín e secretario do centro. O seu fillo Juan Antonio é o actual director e tamén docente de latín. E María José estudou nas aulas do Otero e hoxe dá clases de latín no 12 de Outubro.

A estas dúas liñas xeracionais hai que sumar a que representan Juan Manuel Saco Maureso, avó de Juan Antonio e María José, que foi profesor de latín e director do instituto do Posío entre 1936 e 1955, e o ilustre gramático Juan Antonio Saco y Arce, así mesmo profesor e secretario do centro.

É un cadro que podería medrar porque outros tres dos oitos fillos de Juan Luis Saco cursaron estudos relacionados coa docencia, pero actualmente non exercen.

Tanto Juan Antonio como María José insisten en que non recibiron ningún tipo de presión familiar para ser profesores de latín. Máis ben admiten que foi algo natural. Como para o seu pai. O patriarca Juan Luis lembra «sempre a miña casa chea de textos clásicos. Eu teño a biblioteca e o despacho do meu pai, é a miña herdanza».

Coma os seus fillos, non sen sentiu empuxado polo seu pai, Juan Saco Marueso, na elección de profesión: «El nunca me forzou e a miña nai estaba empeñada en que estudara Dereito porque dicía que os profesores de Latín morrían de fame. E matriculeime en Dereito, da que só aprobei Dereito Romano, e tamén en Filosofía e Letras, coa que seguín. En terceiro marchei a Salamanca».

O ambiente tamén pesou na seguinte xeración. «Os meus profesores de Matemáticas e Física no instituto enfadáronse cando fun por Letras porque a verdade é que era moi boa nesas materias e dicíanme o típico de «Iso non serve para nada!», pero a min o que me gustaba era ler novelas, claramente as Letras. Pensei en Psicoloxía pero, despois da selectividade, inclineime por Filoloxía Clásica en Santiago».

Malia os consellos dos profesores, «o meu pai nunca dixo nada. A min o Latín gustábame moito e na casa tiña montóns de facilidades, todos os libros... Ás veces o meu pai lía poesías latinas en alto e dicíanos «mira que bonito!» E a min parecíame bonito, pero non houbo consello nin presións, foi o que eu escollín. Foi unha cousa natural, non te plantexas demasiado».

O seu irmán Juan Antonio ratifica: «A min gustábame todo, pero escollín Letras porque tiña mellor nota de media. O que tiña claro despois do Bacharelato era marchar de Ourense, quería probar a experiencia de Santiago».

De aí a definir a inclinación polo Latín o treito non foi grande: «Dábaseme ben; de feito, no Bacharelato non me custou moito esforzo. Despois a carreira gustoume moito e, en canto á docencia, empecei dando clases particulares».

Nos destinos profesionais xurde unha nova coincidencia familiar: «Tanto o meu avó coma o meu pai coma min tivemos o primeiro destino na provincia de Cáceres e os tres acabamos no Posío. Ademais, eu ocupei a praza que deixou o meu pai ao xubilarse. Cheguei aquí como profesor máis asustado que cando viña de alumno. Vin con certo medo e con emoción».

O latín, asegura, é algo natural na súa casa. Eu teño un fillo de 10 anos que xa di: «Como me chamo Juan Saco, acabarei sendo profesor de latín».