Ourense non é Manhattan

Noela Blanco OLLADAS DESDE OURENSE

OURENSE

24 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os nosos males son cousa do pasado dende que esta semana se presentou o logo de Ourensanía, porque por todos e todas é sabido que un distintivo que conforma un sorriso coas dúas primeiras letras da palabra Ourense, é o que levábamos esperando dende hai moitos anos, como auga de maio, para solucionar os problemas da nosa provincia. Que máis dá se somos os que temos os salarios máis baixos de toda Galicia, se o menor índice de actividade industrial de España é o de Ourense, se unha provincia rica en recursos coma a nosa ve como esmorecen os seus sectores productivos... que máis da todo se somos a primeira provincia en ter logo!

A pesares de que a deseñadora do distintivo afirma que se buscou «transmitir felicidade e optimismo» (non sei que estrañas gafas hai que pór para lograr ver ese sentimento en Ourense), o certo é que ese sorriso percíbese por parte de moitos ourensáns e ourensás como unha mostra máis de que dende o Pazo Provincial volven a estar ríndose de toda a cidadanía.

Primeiro foi a star up e a provincia intelixente, despois traer a un grupo de empresarios americanos a Ourense para que disfrutaran a conta do erario público da nosa gastronomía e instalacións hoteleiras, hai un par de semanas o anuncio de que o presidente da Deputación será observador internacional na convención demócrata e agora envasar a nosa provincia nun logo como se fóramos unha empresa de iogures. Que será o seguinte?

Teño a sensación de que baixo toda esta serie de despropósitos, ademais dun ego desmedido, escóndese algo que debería preocuparnos, ter un presidente da Deputación que cambiou a boina pola chistera, para intentar converter por arte de maxia a nosa provincia nun capítulo dunha serie americana, esquecendo que isto non é Manhattan senón unha provincia na que hai 146 núcleos con empadroamento cero e outros 188 onde só viven un ou dous veciños. Haberá alguén que sexa quen de facerlle entender que mentres él adica tempo a poñer en marcha as súas ocurrencias, a realidade social e económica de Ourense segue costa abaixo e sen freos?