Carlos Casares, un autor que suscita o recoñecemento da cultura ourensá

La Voz

OURENSE

MIGUEL VILLAR
MIGUEL VILLAR No disponible

Ramón Nicolás salienta o seu valor literario e Riveiro Coello a súas variadas facetas

12 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Como unha figura de consenso e un autor que servirá, grazas ás súas múltiples facetas, para espallar e afortalar o galego en moitos sectores. Nesas valoracións coinciden moitos dos autores ourensáns e os estudosos da literatura galega. A decisión da Real Academia Galega de adicar as Letras Galegas 2017 a Carlos Casares está suscitando un importante consenso que non soe ser frecuente cando se trata das designacións para o 17 M. Unha valoración na que están a coincidir institucións e representantes políticos: dende a Deputación ao Concello de Xinzo ou aos socialistas deste mesmo municipio.

Para o poeta Luís González Tosar, compañeiro do desaparecido en moitos proxectos e no Pen Clube de Galicia, a desginación de Casares para protagonizar as Letras 2017 é «un acerto, porque de todos os escritores das xeracións de posguerra el foi quen máis fixo pola presenza exterior dunha literatura que, aínda a pesares dos seus esforzos, sigue sendo a gran descoñecida no ámbito hispano e da lusofonía». El tamén apostou, como lembraba onte Tosar, por conseguir «que a literatura galega tivese presenza en linguas como o inglés, francés ou alemán para acadar unha maior representatividade e consideración».

Para o crítico literario e escritor Ramón Nicolás a escolla da RAG resulta «moi acertada. Valores literarios non lle faltan e pode ser moi alentador e moi interesante, tanto dende o punto de vista didáctico como de ofrecer unha nova oportunidade para os que non o leron ou descoñecen a súa obra». Nicolás considera un verdadeiro acerto a decisión e asegurou que «fago votos para que a celebración sexa o máis intensa posible».

«A mellor das eleccións»

O escritor Xosé Carlos Caneiro é contundente á hora de posicionarse sobre a decisión da Academia: «É a mellor elección posible. Como escritor, como divulgador e por todo o que representa, Carlos Casares é unha figura de consenso e vai conseguir dinamizar a celebración dun xeito importante».

Na mesma liña se posicionaba onte o profesor universitario, escritor e crítico de cine Miguel Anxo Fernández. O autor ten recoñecido en varias ocasións que o criterio de Casares e o seu apoio foi decisivo á hora de iniciarse na literatura e de publicar os seus relatos ?nas obras anteriores á saga protagonizada polo detective Frank Soutelo? e onte Miguel Anxo Fernández aseguraba que «máis alá de todo e bo, Casares é autor de Ilustrísima, unha declaración de amor polo cine, de xeito que introduce no Día das Letras Galegas un perfil ata agora ausente, o de apaixonado polas imaxes e convencido na necesidade dun cine propio».

O escritor ourensán con ascendencia familiar na Limia terá protagonismo ademais como personaxe literario no 2017. Para Riveiro Coello a decisión da RAG «é unha ledicia grande para todos os limiaos, como o é para os novelistas e os amantes da literatura de Carlos Casares. El sigue sendo unha figura relevante nas nosas letras e a súa elección é das que reforzan o 17 de Maio, porque son casos como os de Lois Pereiro ou de Manuel María, autores que conectan ben co público en xeral». Riveiro Coello publicará no 2017 unha novela na que o propio Casares e a xente da Limia teñen protagonismo.