O PP, lonxe do seu teito

Martiño X. Vázquez PORTAVOZ DE OURENSE EN COMÚN

OURENSE

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os resultados electorais consolidan unha nova realidade onde a hexemonía dos grandes partidos desaparece e irrompen novos axentes chamados a transformar a praxe política tradicional. Ourense en Común non concorría a esta cita electoral pero decidía apoiar a En Marea ao entender que esta era a única das candidaturas presentadas que podía dar continuidade ao proceso de renovación democrática nas institucións iniciado nas eleccións municipais do 24 de maio.

Os seus resultados, malia a ser inferiores ás grandes expectativas xeradas, deben analizarse de maneira obxectiva e valorando que se trata dun proxecto con menos dun ano de vida. Porén, lamentamos que estes supuxeran a perda da acta que David Bruzos tiña como deputado, e con elo a provincia deixe de contar co mellor defensor dos seus intereses en Madrid nos últimos seis meses, como mostran as 36 propostas non de lei presentadas e a súa intensa actividade parlamentaria.

Comparando os datos da abstención coa orientación do voto observamos como a proposta conservadora do Partido Popular foi a grande favorecida. Resultado que evidencia ao tempo a acertada estratexia de activación do seu electorado e a desmobilización do resto provocada por unhas enquisas que prevían unhas expectativas de voto progresista moi positivo. Malia a todo o Partido Popular segue descendendo o seu teito electoral no municipio, moi lonxe dos case 30.000 votos fixado no ano 2011. Nin sequera con exercicios de instrumentalización partidista das institucións como o acto electoral da ministra de Fomento co anuncio de construción da futura estación para a alta velocidade a só catro días das votacións. Algo impropio dun sistema democrático moderno.

Perante unha eventual extrapolación destes resultados de cara á convocatoria ao Parlamento galego, dende Ourense en Común seguimos apostando pola confluencia e a construción dun proxecto amplo que sitúe no centro ás necesidades das persoas. Un proceso que deberá estar sustentado naqueles piares que deron inicio a estes procesos municipalistas: transparencia, participación e xenerosidade.