Sen cobrar

María Cobas Vázquez
María Cobas DESDE O OUTEIRO

OURENSE

25 may 2016 . Actualizado a las 18:47 h.

Levamos tantos anos coa crise que xa ninguén (ou case) se atreve a queixarse do seu traballo. Que se fago máis horas que un reloxo, que se cobro moito menos do que merece o que fago, que se isto, que se o outro... Desapareceron os «que se» como azucre no café daqueles moitos «polo menos tes choio» que tanto se leva usado. Un choio de moitas horas (na realidade e poucas no papel da cotización), un choio mal pagado, un choio... Xa case acabamos por asumir iso, mentres vemos como cada vez son máis os mozos que marchan na procura dunha oportunidade laboral que aquí non teñen. Nin sequera para un mal choio. Houbo unha no Goberno de Madrid que se atreveu a dicir que os mozos marchan porque somos moito de viaxar... «Salir es fantástico, pero ¿quién va a poblar nuestras aldeas en el futuro?», preguntábase Javier González López, un ourensano na diáspora que falaba desde Ámsterdam. Sen mozos que traballen difícil será manter a caixa das pensións, agora que sempre se pon o foco nela. Digo eu que a maneira de manter a caixa, e incluso poder meterlle algún aforriño máis, sería facendo que cotice a xente, e que o faga con salarios decentes; porque o que cobra, gasta. E así, inviste noutros negocios, que á vez pagan impostos... A roda do consumo, que chama. Pero, ¿que roda do consumo poderán mover eses que teñen choio pero que non lles pagan? ¿Como pode crer no sistema alguén que se levanta todos os días para cumprir co seu traballo, para facelo ben, e que mes tras mes ve que a súa nómina é igual a cero? Ao final, xente que perde cartos por ir traballar. ¿Estamos tolos ou que?