Francisco García, presidente da DO Valdeorras: «Imos ir visitar adega por adega, queremos transparencia e diálogo»

María Cobas Vázquez
MARÍA COBAS O BARCO

OURENSE

Paco García foi elixido novo presidente o luns á noite.
Paco García foi elixido novo presidente o luns á noite. lolita vázquez< / span>

O novo responsable do consello terá na feria ProWein de Alemaña a súa primeira saída internacional

24 feb 2016 . Actualizado a las 10:07 h.

Francisco García vivía onte o seu primeiro día como novo presidente da denominación de orixe Valdeorras. A súa primeira xestión foi cambiar os nomes dos billetes de avión e das reservas feitas para ProWein, a feira de viño que se celebra en Alemaña o próximo mes.

-Entendo que irá. ¿Será a súa primeira feira como presidente?

-Claro, lóxico. Terei que ir a todas, a esta, á London, a Barcelona e a onde corresponda. Ten que ir a xente que está á fronte, e persoal de confianza, e a vender, que diso se trata.

-Critican os adegueiros que houbo esta mañá [por onte] unha reunión co conselleiro de Industria para ir a ProWein e que a D.O. Valdeorras non estaba representada...

-Ninguén me comunicou nada, e non sei nada de nada. Doume por enterado agora, non tiña nin a máis mínima idea.

-¿Falará coa Xunta para ir entón a Alemaña?

-Non hai ningún problema, estamos xestionando os billetes, porque vamos ir.

-Falou de ir con xente de confianza ás feiras. O habitual era que fora o director técnico...

-Bueno... Aí non vamos catar viños, vamos a degustalos e facer turismo, non fai falta que vaia unha persoa especializada. Vale calquera. Vaise beber, non fai falta que vaia o director técnico, non teñen que ir sempre as mesmas persoas, hai que delegar noutras persoas.

-¿Contactou xa coas adegas?

-Iso andarase, deixa pouquiño a pouco.

-Pero non o descarta, ¿non?

-Non, non, imos falar con todas as adegas. Imos ir visitar adega por adega, a presentarnos, o lóxico, para ver as demandas que teñen. Xa dixen que queremos transparencia e diálogo, é o lema. Dar confianza e conquistar mercados, porque o viño téñeno que vender as adegas. Nós vamos de lanzadeira, despois eles saberán o que teñen que facer. O mercado está difícil.

-¿Cre que hai posibilidade de retomar o diálogo?

-Xa o viches onte [polo luns]. Os representantes... onde non hai non se pode pedir nada. Serán responsables eles porque non asistiron, despois que non veñan por detrás falando. Nós imos falar con todas as adegas, para ver as cousas que teñen, os pros e contras.

-¿Entón van intentar recompoñer o diálogo?

-Intentaremos, os comezos deben ser bos, e non son bos polo que vimos no pleno. Sé é un capricho non asistir, deixarémolo nun capricho.

-¿Pedirán axuda para ese diálogo á Xunta?

-A Xunta non a metemos a nada, non temos que metela. Se non arranxamos nós a nosa casa, ninguén nola vai arranxar. Intentaremos arrimar posturas e que haxa un consenso. Eles que representan ás adegas, non sei o que opinarán os que están detrás, igual é unha opinión só deles. As adegas unhas están de acordo con eles, e outras non.

-¿Cre que é máis un problema de nomes que de sector?

-Pode ser que haxa medo por aí, e estamos no século XXI.

-¿A que, a ir contra deles?

-Pode ser. Porque nun grupo sempre ten que haber diferenzas, e igual nese grupo tamén hai diferenzas.

-¿Quen será o vogal pola cooperativa da Rúa?

-Carlos Aristegui, entra el. Eu non son ninguén; eu antes era o representante, pero agora non son ninguén. Eu son neutral, son de todos. A xunta rectora [da cooperativa] nomeouno, e entrará no próximo pleno.

-Di que vai ser neutral, ¿deixará na presidencia de ser entón o vogal pola cooperativa de A Rúa?

-Eu non son vogal. Xa fai días que non son vogal. A directiva nomeou a Carlos [Aristegui, concelleiro do PSOE na Rúa] e eu cesei. Non vou ser vocal e presidente do consello regulador.

-Que día cesou?

-Xa fai uns días, non sei... A semana pasada.