Dez concellos da provincia poden acceder ás axudas de Turismo para contratar persoal

La Voz

OURENSE

A Xunta destina una partida de 250.000 euros para contratación de traballadores para as oficinas municipais

14 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Dez concellos da provincia de Ourense poden optar ás axudas convocadas pola Xunta de Galicia para contratar persoal para as oficinas municipais de Turismo que funcionan en tempada. O Goberno galego destina a estas iniciativas unha partida de 250.000 euros e o prazo para solicitalas remata o vindeiro día 27. En total son dez os concellos da provincia que contan coa condición de «municipio turístico» recoñecida. Son os de Allariz, Celanova, O Carballiño, Leiro, Monterrei, Pobra de Trives, Nogueira de Ramuín, Ribadavia, A Veiga e Parada de Sil. A delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, animou aos concellos «que contan coa devandita declaración a beneficiarse destas subvencións que sen dúbida contribuirán ao seu desenvolvemento turístico». Con esta partida, en opinión de Mouteira, se dinamiza o mercado laboral ao tempo que se potencia a imaxe turística, tanto dos municipios como da comunidade galega en xeral. Os requisitos do persoal contratado serán estar en posesión do título de Técnico Superior en Información e Comercialización Turística ou Técnico Superior en Guía, Información e Asistencia Turística; Técnico en Empresas e Actividades Turísticas ou Grao ou Diplomatura en Turismo ou equivalente homologado. Do mesmo xeito, será requisito indispensable que o concello solicitante conte coa declaración de Municipio Turístico galego.