Estratexia errada

Martiño X. Vázquez TRABALLADOR DA EMPRESA XEITURA

OURENSE

09 feb 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nas últimas décadas espertouse por parte das diferentes administracións e promotores privados un crecente interese no patrimonio, e con este tamén o arqueolóxico. Apostando pola súa explotación como unha posible solución á crise socioeconómica e xeográfica das zonas rurais. A denominada Rede Galega de Patrimonio Arqueolóxico, que na provincia de Ourense materializouse co Parque Arqueolóxico da Cultura Castrexa en San Cibrán de Las -se ben tiña en conta entre os seus obxectivos básicos a difusión, conservación e investigación do patrimonio arqueolóxico de todo o territorio- ata o momento só ten afondado no valor turístico destes recursos obviando aqueles outros que o dotan de sentido. Consumindo a totalidade dos recursos na creación e mantemento dun edificio valorado en 10 millóns de euros para que os turistas o visiten nunha estratexia que entendemos errada ao analizar este recurso como algo estático, inerte e sen vida. Namentres polo resto da provincia multiplícanse as iniciativas que sen case recursos custodian e engaden o valor necesario aos centos de bens patrimoniais simplemente por compromiso co seu legado cultural e natural.