Duen De Bux edita unha obra de Siro López sobre Castelao e a arte europea 

La Voz OURENSE

OURENSE

A publicación sobre a faceta artística do intelectual galego será presentada este xoves no Campus de Ourense

07 oct 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

O artista e caricaturista Siro López botou coarenta anos matinando cun proxecto que lle bulía na cabeza: un libro sobre a faceta de Castelao como artista. Obviamente non como o coñecido proxecto de Castelao artista, de Luís Seoane, senón «un libro de debuxante a debuxante, á altura do panel; ollando de moi preto, mesmo dende a propia experiencia, o seu traballo artístico», segundo o propio Siro. 

A vella teima é xa unha realidade e a publicación, editada polos ourensáns de Duen De Bux, presentarase o xoves no Campus de Ourense (ás 13.00 horas). 

Espallalo fóra de Galicia

O libro leva por título Castelao en el arte europeo e a tradución ao castelán foi un traballo do filólogo Alejandro Rodríguez Gómez. A publicación ten un prólogo de María Victoria Carballo-Calero. A opción idiomática ten unha explicación que dá o propio Siro López: «Titúlase así, Castelao en el arte europeo, en castelán, porque a Castelao hai que dalo a coñecer fóra de Galicia». 

   O artista e caricaturista marcouse como obxectivo do seu traballo estudar a Castelao en todas e cada unha das súas facetas como artista: caricaturista, humorista gráfico e ilustrador, no senso máis amplo do termo. Na publicación analiza a súa obra «viñeta a viñeta, imaxe a imaxe, cando o caso o require. Refírome ao Álbum de Nós, aos Álbumes de guerra, aos Debuxos de negros, aos Debuxos de cegos. E digo o que penso, aínda que as miñas conclusións non sexan compartidas por outros estudosos», segundo sinala Siro López sobre o seu traballo.