O neno que viaxaba en atlas

OURENSE

MIGUEL VILLAR

José María Eguileta aclarou todas as dúbidas de golpe: o seu era a Arqueoloxía.

03 ago 2015 . Actualizado a las 12:25 h.

Xornalismo, Náutica e Arqueoloxía eran as tres carreiras que barallaba para o seu futuro un pequeno alumno de Maristas que naceu en Poio (Pontevedra) no ano 1959 e chegou a Ourense con 7 anos, despois de vivir en Ceuta nunha familia de militares.

Na estancia africana soñaba admirando os barcos da flota inglesa e os submarinos alemáns. As visitas a aquelas moles eran o complemento perfecto a unha mente fabuladora que atopou respostas cando desembarcou no colexio Cisneros. Alí daba clases Xocas, D. Xaquín Lourenzo, e o pequeno José María Eguileta aclarou todas as dúbidas de golpe: o seu era a Arqueoloxía.

O hoxe responsable desa área no Concello de Ourense nunca se considerou bo estudante: «Só me centraba nas cousas que me interesaban moito, as que intrinsecamente me interesaban ou as que alguén facía que me interesasen, como un mestre. En xeral, todo o que tiña relación coa historia, sobre todo prehistoria, xeografía... Dende neno, eu pasábao ben abrindo un atlas; divertíame, recorría mundos, poñíalle imaxinación para enchelos de xente, de cousas, personaxes... Relacionábaos cos libros sobre exploracións. Sempre me gustou».

Con tal predisposición e tal mestre, Eguileta emprendeu camiño cara a Compostela, a unha facultade onde, pouco despois da súa licenciatura, chegaría outro dos seus referentes, Antón Rodríguez Casal.

Estudante de Historia en Santiago entre 1969 e 1974, Casal pagou a súa filiación comunista sendo apartado da docencia universitaria. Volveu no 89, cun currículo xa consolidado, e converteuse en todo un referente.

Así que un día Eguileta chamou á porta do seu despacho: «Quería que me dirixira a tese; eu levaba anos escavando e tiña material suficiente para a tese de doutoramento, pero precisaba un director e queríao a el».

Coa única previsualización de Casal como referencia bibliográfica -para min era unha cita, Rodríguez Casal, A.A., ri Eguileta-, que lle abrise a porta un home novo foi toda unha sorpresa. «Non foi nin bo nin malo, simplemente unha sorpresa», lembra: «Eu esperaba un señor».

«Cando chamou á porta para min tamén foi unha sorpresa -revive Casal-; non lle poñía cara, pero a Eguileta coñecíao xa polos seus traballos. Dalgunha maneira había entre nós como un amor epistolar».

O segundo Cuevillas

Aquel comezo peliculeiro deu nunha auténtica amizade, que Casal non deixa de remarcar: «A partir daquel momento somos amigos, con todas as letras. Eguileta é un home tranquilo, incluso de máis, con bonhomía, tanto que se lle pode facer dano. Pero é que, ademais, é o que dá o avance definitivo da arqueoloxía megalítica no sur da provincia de Ourense. Hai dous momentos: de 1920 a 1940 con Cuevillas, e co señor Eguileta Franco, que é o Cuevillas da década dos 80 e 90 porque estuda os mesmos lugares que Cuevillas, colle eses datos, colle a súa moto e, 60 anos despois, presenta o seu traballo. Eses son os dous momentos de inflexión nos estudos de megalitismo no sur de Ourense».

A bonhomía de Eguileta ruborízase ante a comparación: «Cuevillas quédame moi grande!». Pero Casal teno claro: Conseguiu o premio extraordinario de doutoramento e, na súa etapa de profesor da Universidade de Vigo, estivo sempre entre os mellor valorados nas enquisas. «Da miña carreira académica -afirma- os feitos máis importantes foron dirixirlle a Eguileta a miña primeira tese e que Marcos Martinón me escollese para dirixir a súa. A marabilla é que os alumnos superen ao mestre!».

josé maría eguileta franco e antón rodríguez casal

Unha tese de doutoramento no limiar da era dixital

«Eu quería que seguira a carreira universitaria, pero a súa vocación era a de arqueólogo e hai que dicir que Eguileta é moi bo arqueólogo porque ten un fondo teórico -remacha Casal-. Temos que romper unha lanza en defensa do saber e da formación».

Moita desa bagaxe recibiuna Eguileta do seu director de tese. Con el desfrutou percorrendo Galicia na busca de mámoas e da súa impulsividade e meticulosidade beneficiouse continuamente: «Con Antón, ademais, accedín a xente do máximo nivel -Tanguy le Roux, por exemplo- porque eran amigos seus; Antón é un referente polo seu traballo en Bretaña, en Portugal, en Galicia... e eses contactos son outra das cousas que che aporta».

Para o futuro queda a amizade e, no pasado, a memoria dunha tese confeccionada nos inicios da era dixital, cun primitivo procesador de textos, fotos de papel pegadas nun álbum, mapas recalcados e debuxos a man: «Nada de mail, claro, cando se necesitaba, teléfono ou comida na casa», lembran os dous. Artesanía e amizade.