Dobremente queimados

Xosé M. Pacho DENDE A FIN DO MUNDO

OURENSE

01 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Dous millóns trescentos mil metros cadrados. Isto é, sinxelamente, todo canto se queimou no incendio de Palmés. Ás veces, as cifras agochan a dimensión dun problema. 230 hectáreas son moito pero non definen o drama dun país que se queima cada ano e que vai esmorecendo: Palmés, Entrimo, Vilardevós.

    Pensamos que a terra, que Galiza, que mesmo nós, non valemos nada. Non conseguimos superar ese complexo de inferioridade. O autoodio que se reflicte tan ben na lingua. Dicía Manolo Rivas que somos un país conservador onde non existen conservadores. E só o superaremos con máis cultura, con máis educación para chegar a ser civilizados.

    E Ourense é un territorio que hai que coñecer se queremos comprender Galiza. Temos o mellor e o peor dunha identidade que tenta sobrevivirse a si mesma. Pero malamente. 

Entrementres, o Tribunal de Contas informa que no Estado español os partidos recibiron 216,7 millóns de euros, ou sexa, 36.136 millóns de pesetas. E as cifras asustan. Sabendo o custo por provincia cada político tomaría conciencia da débeda que ten cos seus cidadáns. 

    Produce bochorno ver como Cudeiro pretende organizar un PXOM ao mesmo tempo que traballa de asesor na Deputación, e produce vergoña o seu cinismo xustificándoo, como se as institucións estivesen ao servizo do espabilado de turno. 

Tamén é inaceptable insultar nun pleno a un edil. E hai que ser moi curtos de vista para xustificalo. Como inaceptables son os insultos e os desprezos de Jácome. Se tivese algo de sensatez e de responsabilidade non actuaría así. Pero non a ten. E produce fascinación ver como quen proferiu máis descualificacións no concello é tan sensible á descualificación cando lle toca.

    Falarlles a uns e a outros de Voltaire e do respecto aos demais escúsase. Falarlles do valor da ideoloxía ou da democracia non serve de nada. Como para non estar queimado. Dobremente.