A Fontela sigue agardando

Xosé M. Rodríguez ANACOS

OURENSE

31 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación do Carballiño reclamará da Xunta de Galicia que se execute, dunha vez por todas, o proxecto vencellado ao plan de erradicación do chabolismo para rematar co asentamento de A Fontela. PSOE, PP, BNG e Alternativa Veciñal do Carballiño coincidiron na necesidade de retomar unha iniciativa que leva anos agardando a materializarse e que xa vai co segundo proxecto. O primeiro, redactado cando Teresa Táboas era conselleira de Vivenda, foi mudado por unha proposta redactada dende a propia Xunta ?xa baixo o goberno do PP? e nunca se chegou a sacar a concurso a creación das vivendas que sustituirán ás chabolas que ocupan o vello trazado da N-541. 

   No debate que suscitou a proposta do BNG quedou claro que no Carballiño preocupa en exceso esta situación, por ser o municipio máis afectado aínda que o poboado estea ubicado no territorio de Maside, e que ás veces aos posicionamentos non lle costa nada coller o carreiro da demagoxia e o maniqueísmo. Como tampouco lles importou, e iso non o confesarán nunca os protagonistas, boicotear as propostas alternativas para reubicar ás familias de A Fontela. O obxectivo dos políticos dos dous concellos non era outro que rexeitar calquera ubicación que achegase as futuras vivendas aos seus respectivos pobos, Maside e O Carballiño. 

    Haberá un novo asentamento para as familias xitanas, aínda que non é para xa, mais a realidade é que só mudará de ubicación xeográfica unha situación marxinal.