Carta aberta a Xosé Xaquín Rodríguez Ambrosio

La Voz

OURENSE

05 jul 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Imaxínote feliz, estimado alcalde de Rairiz de Veiga. E non tanto porque un xuíz (que bendición estes xuíces novos que fan realidade que a xustiza é cega e non distinguen entre chaíñas e poderosos!) ditaminou que en Rairiz a lei eras ti (ou que ti estabas por enriba da lei) polo que mereces estar lonxe do Concello oito anos e medio. Imaxínote feliz porque agora xa estás no mesmo clube, o clube dos inhabilitados, que o teu mentor da dereita, José Luis Baltar, o home que te arrancou do BNG onde estabas dende que no 93 che deran un posto de traballo en Allariz Agora entendo a fichaxe. Ós dous vos gustaba contratar a dedo ós amigos sen ter en conta os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade. ¡Ata aí podiamos chegar! ¡Que todos os cidadáns tivesen idénticos dereitos! ¿Onde se viu? ¡Primeiro os meus e despois os meus!

Agora resísteste a dimitir. Só o farás se cho pide o fillo do home que te fichou. Nin coherencia, nin ética, nin vergoña política. Recórdasme a aquel alcalde de Os Blancos que dixo: «Eu só creo nos meus pais, na Virxe María e en Baltar». Vexo que a túa viaxe dende o nacionalismo ó baltarismo te leva a postulados similares e que só te moves si o di un Baltar que, por certo, xa está tardando en pórche a maleta na porta para que busques a felicidade, que a hai, lonxe da mamandurria da política.