Reflexión

Xosé M.Pacho DENDE A FIN DO MUNDO

OURENSE

23 may 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Chegada certa idade, un ten que reflexionar. Reflexionar sobre a vida. Sobre todo, sobre a que nos toca. E pensar. Pensar moito. Valorar se merece a pena facer unhas cousas ou outras. Eu, teño que recoñecelo, necesito reflexionar. Polo menos durante un día. O médico diagnosticoume electoralite idiopática. Unha estraña doenza. Ten una enfermidade, idiopática, dixo o médico, ou sexa, descoñecida. Esa foi a primeira vez que escoitei esa palabra. Que non debemos confundir con idiota, que aínda que de orixe diferente, significa outra cousa: o que non se ocupa dos asuntos públicos.

E claro, hoxe é vinte e tres de maio, unha data especial. De feito, é o día de véspera e do recollemento, agardando por un dos días máis importantes? Pentecostés. Ese día no que Moisés, Musa para os musulmáns, baixou do monte Sinaí co seu código ético, as táboas da lei. Polo tanto, cando mañá paseedes a iso das doce cerca dun colexio preto dunha igrexa, se vedes colas, non pensedes mal. É só que a xente está agardando para entrar en misa. 

Porque este vinte e catro de maio celébrase o descenso. O descenso do espírito santo. Eu imaxino a Moisés, tipo curioso, coa súa barba hipster. Unha mestura de Orson Wells e Fernán Gómez e, coma sempre, enfadado. Que por certo, agora que se puxo de moda o concepto hipster, a xente esquece que este era un movemento dos anos corenta dos tipos aos que lles gustaba o jazz. Os que se fascinaban escoitando a Charlie Parker, o mítico saxofonista, the bird, e imitaban ós negros para ser modernos.

  Poida que escoitar a Charlie Parker nos axude a reflexionar, poida que me axude a min a superar esta enfermidade, a electoralite idopática. Pero non estamos en Grecia, estamos en Ourense a cidade e a provincia que sempre ten o que se merece. De fondo, soa música de jazz.